A UNED de Lugo analiza os discursos machistas nas redes sociais con motivo do 25N

LugoXa
A psicóloga social Sara Pérez Calavia impartirá este xoves, 26 de novembro, unha sesión sobre como determinados contidos dixitais perpetúan a desigualdade de xénero e contribúen a normalizar a violencia contra as mulleres
UNED-Lugo-portada
25 Nov 2026

A UNED de Lugo celebrará este xoves, 26 de novembro, unha actividade para analizar a influencia dos discursos machistas nas redes sociais e a súa contribución á perpetuación da desigualdade entre mulleres e homes. A iniciativa enmárcase na conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se celebra cada 25 de novembro.

Baixo o título "Influencers, roles de xénero e a perpetuación da violencia contra as mulleres", a sesión terá lugar de 12:00 a 13:00 horas e estará impartida por Sara Pérez Calavia, psicóloga social con experiencia en Puntos Violeta.

A relatora abordará fenómenos como a manosfera, os incels ou as tradwives, así como a maneira na que determinados discursos antifeministas se difunden a través das plataformas dixitais e presentan a desigualdade de xénero como unha opción de vida.

A través dun formato dinámico e participativo, o encontro convidará a reflexionar sobre o impacto destes contidos na construción das relacións sociais, na perpetuación dos estereotipos de xénero e na normalización de comportamentos de submisión e dominación.

A proposta forma parte do programa ODS en Acción, promovido polo Observatorio ODS da UNED, e está organizada pola Oficina Verde dos Centros Asociados da UNED, con sede na UNED de Lugo, coa colaboración da Deputación e do Concello de Lugo. Vinculada ao ODS 5 da Axenda 2030, centrado na igualdade de xénero, busca contribuír á prevención da violencia contra as mulleres, á sensibilización social e ao pensamento crítico fronte aos discursos que perpetúan a desigualdade.

A participación será gratuíta e estará aberta a toda a sociedade, previa inscrición. A sesión poderá seguirse en liña, tanto en directo como en diferido, ou presencialmente no salón de actos José Luis Prieto Arroyo da UNED de Lugo.

0.20277309417725