A UNED de Lugo habilitará un punto de recollida de alimentos para a Gran Recollida de novembro

A UNED de Lugo participará un ano máis na Gran Recollida de Alimentos, unha iniciativa promovida pola Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL) que se celebrará do 13 ao 15 de novembro. O Centro Asociado habilitará un punto de recollida de alimentos non perecedoiros nas súas instalacións e animará tanto á comunidade universitaria como á cidadanía lucense a colaborar nesta campaña solidaria.
Baixo o lema 'Alimenta unha vida mellor', a iniciativa pretende facilitar o acceso aos alimentos ás persoas en situación de vulnerabilidade e promover un consumo responsable que contribúa a reducir o desperdicio alimentario. A campaña enmárcase nun proxecto de Aprendizaxe-Servizo (ApS), coordinado pola Cátedra Banco de Alimentos da Universidade Politécnica de Madrid (UPM), no que participan universidades españolas e internacionais.
A directora da UNED de Lugo, Ana Belén Traseira Pena, subliña a importancia de implicar a universidade nas necesidades sociais da súa contorna. "A universidade non pode permanecer allea ás necesidades da súa contorna. A nosa responsabilidade vai máis alá de transmitir coñecementos: tamén debemos fomentar valores como a solidariedade, a cooperación e o compromiso coas persoas e co planeta", sinala.
A participación na campaña tamén ofrece ao alumnado a oportunidade de complementar a súa formación académica con experiencias reais de voluntariado. A través desta metodoloxía, os estudantes poden desenvolver competencias como o traballo en equipo, o liderado e a responsabilidade social, ao tempo que contribúen a mellorar a situación das persoas máis vulnerables. As persoas participantes poderán solicitar un certificado de participación na actividade de Aprendizaxe-Servizo.
Un seminario sobre a calidade nutricional dos alimentos
A programación vinculada ao proxecto incluirá o seminario internacional 'No solo kilos: calidad nutricional de la ayuda alimentaria y acceso a una dieta saludable', que se celebrará o 3 de novembro, de 15:30 a 17:30 horas, na Universidade Politécnica de Madrid e que tamén poderá seguirse de forma virtual.
O encontro reunirá especialistas da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), FESBAL, universidades e bancos de alimentos para abordar a importancia da calidade nutricional da axuda alimentaria. O obxectivo é analizar como garantir non só a distribución de alimentos, senón tamén o acceso a unha dieta saudable.
O seminario contará con dúas mesas redondas centradas no acceso a unha alimentación saudable, a seguridade alimentaria, a sustentabilidade dos sistemas agroalimentarios e o papel do voluntariado universitario. O equipo do proxecto #LugoNaturalMente da UNED de Lugo participará na segunda mesa.
Inscricións abertas ata o 13 de novembro
A iniciativa forma parte do compromiso da UNED de Lugo coa Axenda 2030 e cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, especialmente os relacionados coa loita contra a fame, a produción e o consumo responsables e a colaboración entre entidades. Tamén está vinculada ao proxecto #LugoNaturalMente e ao traballo da Oficina Verde dos Centros Asociados da UNED, que promove unha visión da sustentabilidade que integra os ámbitos ambiental, social e educativo.
As persoas interesadas en participar como voluntarias poden inscribirse antes do 13 de novembro a través do código QR dispoñible no cartel da campaña. Ademais, quen queira colaborar mediante a doazón de alimentos non perecedoiros poderá depositalos no punto de recollida habilitado nas instalacións da UNED de Lugo.
Para obter máis información, as persoas interesadas poden contactar co Centro Asociado a través do teléfono 982 280 202.