A UNED de Lugo implantará o vindeiro curso unha nova titulación en Intelixencia Artificial

A UNED de Lugo presentou a nova titulación en Intelixencia Artificial que o centro universitario implantará o vindeiro curso académico, unha proposta formativa que busca reforzar a especialización tecnolóxica e responder á crecente demanda de profesionais nun dos ámbitos con maior desenvolvemento e proxección de futuro.
Durante a presentación, a presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, destacou que este novo grao “supón unha aposta estratéxica para o futuro da provincia e un paso importante para reforzar a formación nun dos sectores tecnolóxicos con maior crecemento e proxección”.
A responsable provincial subliñou que “a Intelixencia Artificial xa está a transformar a maneira na que traballamos, aprendemos e prestamos servizos públicos”, polo que considerou fundamental que Lugo avance nesta dirección e non quede á marxe dos cambios tecnolóxicos actuais.
Neste sentido, explicou que a nova titulación está aliñada coa estratexia provincial de Intelixencia Artificial MencIA, aprobada por unanimidade no Pleno da Deputación celebrado esa mesma mañá. Segundo indicou, esta iniciativa busca impulsar a transformación dixital desde o ámbito público “con garantías, control sobre os datos e adaptada á realidade da provincia”.
Carmela López incidiu ademais en que “a innovación tecnolóxica debe servir tamén para reforzar os servizos públicos, acompañar aos concellos máis pequenos e garantir igualdade de oportunidades na provincia”.
No marco da visita institucional, a presidenta aproveitou a súa primeira presenza oficial na UNED de Lugo como máxima responsable da Deputación para asinar no Libro de Honra e coñecer de primeira man as instalacións e o funcionamento do centro universitario.
Durante o percorrido, interesouse pola actividade académica e polos diferentes proxectos en marcha, poñendo en valor o modelo formativo da UNED como “aberto, inclusivo e flexible”.
A presidenta destacou tamén o papel do centro como ferramenta de acceso á educación superior na provincia, permitindo estudar sen necesidade de abandonar o territorio e adaptando a formación ás circunstancias persoais, laborais e familiares do alumnado.
Así mesmo, salientou o récord histórico de matrícula acadado este curso, con máis de 1.240 estudantes e un incremento superior ao 12 %, unha cifra que, segundo indicou, reflicte a confianza da sociedade lucense neste proxecto educativo.