A UNED de Lugo organiza en maio e xuño cursos sobre audioloxía, menopausa e saúde visual

A UNED de Lugo celebrará entre os meses de maio e xuño tres actividades formativas centradas na saúde e o benestar, co obxectivo de achegar coñecementos prácticos e información especializada á cidadanía.
A primeira das propostas será o Curso de Audioloxía Básica, que terá lugar do 18 ao 20 de maio no salón de actos da UNED de Lugo, en horario de 16:00 a 20:00 horas. A formación será impartida polos especialistas Miguel Mayo, Juan Antonio Vizcaíno e Mónica Eiras Lodeiro, e abordará cuestións relacionadas coa anatomía do oído, os tipos de perdas auditivas e a avaliación auditiva. A súa superación permitirá obter 0,5 créditos ECTS.
Coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Saúde da Muller, a UNED organizará tamén o curso “Menopausia, coñecela para querela”, que se desenvolverá os días 18 e 19 de maio de 17:00 a 19:00 horas en modalidade online, tanto en directo como en diferido. A actividade centrarase na comprensión desta etapa vital e nos cambios asociados á menopausa máis alá dos síntomas máis coñecidos, co propósito de ofrecer ferramentas e información ás participantes. O curso será gratuíto.
A programación completarase coa actividade “Como coidar a túa visión”, prevista do 1 ao 4 de xuño entre as 11:30 e as 13:30 horas en modalidades presencial e online. O curso estará impartido por Mar Arias e analizará cuestións relacionadas coa fatiga visual, o impacto das pantallas, a tensión ocular e a importancia da luz natural e do descanso para o benestar ocular. A actividade permitirá obter 0,5 créditos ECTS.
Todos os cursos contan cunha matrícula ordinaria de 30 euros, agás o curso sobre menopausa, que será gratuíto. Ademais, existen descontos para persoas vinculadas á UNED, persoas con discapacidade, maiores de 65 anos e persoas en situación de desemprego.