A UNED de Lugo organiza un curso sobre o autocoidado das persoas coidadoras

A UNED de Lugo organizará do 1 ao 4 de decembro o curso 'Quen coida de quen coida? A importancia do autocoidado', unha iniciativa dirixida a visibilizar o esforzo físico e emocional que implica atender unha persoa dependente e ofrecer ferramentas para previr a sobrecarga das persoas coidadoras.
Boa parte da atención ás persoas dependentes prodúcese no ámbito familiar, onde asumir estas responsabilidades pode modificar as rutinas, as relacións sociais e familiares, a situación laboral e mesmo a economía de quen asume os coidados. A falta de recursos e redes de apoio pode agravar esta situación e provocar problemas de saúde física e psicolóxica cando se prolonga no tempo.
A actividade será impartida por M. Carmen Rivas Fernández, experta en Transformación Social e Atención Sociosanitaria, que abordará o perfil das persoas coidadoras, as distintas etapas do coidado, a planificación das responsabilidades e as consecuencias desta tarefa sobre a saúde e a calidade de vida.
O programa tamén afondará na prevención e detección da síndrome da persoa coidadora, na xestión das emocións, na importancia de pedir axuda e no establecemento de límites. Ademais, traballaranse habilidades de comunicación asertiva.
A iniciativa pretende reivindicar o benestar das persoas coidadoras como unha parte fundamental da atención á dependencia e incidir na necesidade de atender as súas propias necesidades para evitar que coidar doutras persoas supoña renunciar á súa saúde e calidade de vida.