A UNED de Lugo organiza un obradoiro sobre prevención do suicidio na adolescencia

A UNED de Lugo organizará o martes 29 de setembro o obradoiro "Cambiar a narrativa: falemos da prevención do suicidio na adolescencia", unha actividade gratuíta e aberta á cidadanía que busca achegar ferramentas para a prevención, a detección temperá e o acompañamento de adolescentes en situacións de vulnerabilidade.
A sesión desenvolverase entre as 18:00 e as 19:00 horas no Centro Asociado á UNED en Lugo e enmárcase na conmemoración do Día Mundial para a Prevención do Suicidio, que se celebra cada 10 de setembro. A iniciativa súmase tamén á campaña internacional "Cambiar a narrativa sobre o suicidio", que promove unha abordaxe máis aberta, responsable e libre de estigmas arredor desta realidade.
O obradoiro será impartido pola psicóloga clínica Estefanía Díaz Sobrado, que explicará as principais claves para identificar sinais de alerta e factores de protección na adolescencia. Tamén ofrecerá pautas para actuar e acompañar adolescentes que poidan estar atravesando situacións de especial vulnerabilidade.
A actividade permitirá ademais coñecer os recursos específicos dispoñibles para solicitar axuda, con información orientada tanto ao ámbito familiar como educativo e social. O obxectivo é facilitar ferramentas que permitan responder de maneira adecuada ante posibles situacións de risco.
A UNED de Lugo pretende así contribuír á creación de espazos de información e diálogo que favorezan a prevención e axuden a combater o estigma asociado ao suicidio, especialmente no caso da poboación adolescente.
As persoas interesadas poderán participar de forma presencial no Centro Asociado á UNED en Lugo ou seguir o obradoiro online, tanto en directo como posteriormente en diferido. A matrícula é gratuíta e a actividade está aberta a toda a cidadanía interesada nesta temática.