A UNED de Lugo organiza un percorrido cultural para visibilizar ás mulleres da cidade con motivo do 8M

Con motivo da celebración do Día Internacional da Muller (8M), a UNED de Lugo organiza un percorrido cultural para dar a coñecer a pegada de sete mulleres que tiveron un papel fundamental na vida cultural da cidade.
A actividade terá lugar o xoves, 6 de marzo de 2025, de 18.00 a 20.00 horas, e estará conducida pola historiadora da arte Raquel Iglesias Rodríguez, profesora-tutora da UNED e coordinadora de Extensión Universitaria.
O paseo guiado permitirá achegarse á vida e obra de sete creadoras que marcaron a historia cultural de Lugo. As protagonistas deste percorrido son: Adela Figueroa Panisse, escritora, profesora e activista medioambiental; Branca Villares, investigadora do patrimonio e da tradición oral; Carmen Granxeiro, directora de cine; Xulia Minguillón, pintora de gran relevancia no século XX; Marica Campo, poetisa e gañadora do Premio da Cultura Galega; Pomba Luxilde, actriz e creadora escénica; e Tareixa Campo, destacada pola súa labor teatral.
A VISITA
A ruta comezará no Fogar de Santa María, sede do CENTRAD, e transcorrerá por varios dos espazos máis emblemáticos da cidade, lugares que tiveron un significado especial na traxectoria das protagonistas.
Entre os puntos que se visitarán, inclúen: o Barrio do Carme, un enclave histórico de gran importancia patrimonial; Porta Miñá, un dos accesos máis antigos da Muralla Romana; Praza Maior, punto de encontro da vida social e cultural da cidade; Campo Castelo, unha praza de referencia para a vida urbana de Lugo; O Vello Cárcere, hoxe convertido en centro cultural e espazo de memoria; Estación de Autobuses, símbolo da evolución urbanística da cidade; e a Escola Palimoco Teatro, onde Pomba Luxilde sorprenderá ás persoas participantes cunha intervención artística especial.
A actividade combinará diferentes enfoques: as explicaciós de Raquel Iglesias para contextualizar a historia e o legado das mulleres, intervencións das propias creadoras que compartirán as súas experiencias e visións sobre a súa traxectoria, observación directa do patrimonio en cada parada e espazos de diálogo e reflexión entre os asistentes. Para pechar a actividade, Pomba Luxilde ofrecerá unha intervención artística final cunha representación teatral exclusiva.
Este percorrido é unha iniciativa da UNED de Lugo para poñer en valor o papel das mulleres na cultura, destacando o seu legado e contribución á identidade da cidade. A participación nesta actividade é gratuíta e aberta a toda a cidadanía.