A UNED e Coidemos Lugo mobilizan voluntariado para limpar as ribeiras dos ríos Rato e Miño

A UNED de Lugo e Coidemos Lugo participarán o vindeiro domingo, 4 de outubro, nunha nova edición da campaña 'Móllate polos Ríos', unha iniciativa de voluntariado ambiental promovida polo Proxecto Ríos de ADEGA. A actividade, que alcanza a súa décimo novena edición, desenvolverase simultaneamente en 49 concellos galegos coa colaboración de máis de 75 entidades.
En Lugo, a xornada centrarase na retirada de residuos das ribeiras dos ríos Rato e Miño, concretamente na contorna do Parque da Tolda. A limpeza terá lugar entre as 11:00 e as 14:00 horas e estará coordinada pola UNED de Lugo, coa colaboración de Coidemos Lugo. As persoas participantes reuniranse na entrada do Centro Asociado da UNED, situado na rúa Tolda de Castela, 4B, desde onde se desprazarán ata as zonas de actuación.
Ademais de retirar lixo dos espazos fluviais, a iniciativa busca fomentar a concienciación sobre a importancia de conservar os ríos e os ecosistemas que os rodean. As persoas voluntarias recibirán as camisolas identificativas da campaña, que pretende implicar a cidadanía na protección do patrimonio natural.
'Móllate polos Ríos' forma parte do Proxecto Ríos de ADEGA, un programa de educación e voluntariado ambiental que promove o coñecemento dos ecosistemas fluviais, a identificación das súas principais problemáticas e a participación social na súa conservación e mellora.
A colaboración da UNED de Lugo enmárcase no seu compromiso coa sustentabilidade e a sensibilización ambiental, a través de iniciativas como o proxecto #LugoNaturalMente e outras actividades educativas e de voluntariado que impulsa ao longo do ano.