A UNED Lugo abre as súas portas para dar a coñecer a súa oferta formativa e as súas instalacións

O Centro Asociado da UNED en Lugo celebrará ata o 24 de xullo unhas xornadas de portas abertas co obxectivo de achegar á cidadanía a súa oferta educativa e mostrar de preto as instalacións e servizos que ofrece. A iniciativa desenvolverase en horario de 10.00 a 13.00 horas e está dirixida tanto a futuros estudantes como ás súas familias e a todas aquelas persoas interesadas na educación a distancia.
A través desta actividade, a UNED Lugo pretende dar a coñecer a súa metodoloxía semipresencial e as diferentes opcións formativas dispoñibles, facilitando información detallada sobre os programas de acceso á universidade, estudos de grao, idiomas e posgrao.
Durante as xornadas, as persoas asistentes poderán participar en sesións informativas e recibir asesoramento personalizado por parte do persoal académico e administrativo do centro, que estará dispoñible para resolver dúbidas e orientar aos interesados sobre as distintas posibilidades de formación.
Desde a UNED Lugo destacan que estas portas abertas constitúen unha oportunidade para coñecer de primeira man o funcionamento da institución e descubrir unha oferta educativa caracterizada pola súa flexibilidade e pola atención personalizada ao alumnado.
A iniciativa enmárcase no compromiso da universidade por facilitar o acceso á educación superior e achegar a formación a todas as persoas, independentemente das súas circunstancias persoais ou profesionais.