A USC organiza unha gran programación cultural en Lugo para os vindeiros meses

A vicerreitora de Estudantes e Cultura da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Pilar Murias Fernández, presentou a programación cultural que se desenvolverá no Campus de Lugo nos próximos meses.
O obxectivo desta iniciativa é conectar a actividade cultural da USC tanto co estudantado como coa cidadanía lucense, a través dunha oferta variada que inclúe música, teatro, danza, audiovisual, fotografía, foros de debate e actividades formativas.
No acto de presentación tamén participaron a deputada provincial de Cultura, Iria Castro Fernández, e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, que destacaron a importancia da colaboración entre institucións para impulsar a cultura na cidade. Parte das actividades desenvolveranse dentro do convenio Lugo Cultural, financiado polo Concello e a Deputación de Lugo.
Pilar Murias sinalou que esta programación ten “un claro compromiso coa formación” e subliñou a vocación da USC por expandir a súa actividade cultural máis aló da comunidade universitaria, fomentando ao mesmo tempo a creación emerxente.
Pola súa parte, Maite Ferreiro destacou o papel integrador da cultura, que permite a interacción entre estudantado e veciñanza, mentres que Iria Castro puxo en valor a innovación e a diversidade das actividades propostas.
PROGRAMACIÓN MUSICAL
A música será unha das grandes protagonistas da programación. O ciclo ‘Lubicán’, un dos máis consolidados na capital lucense e centrado na música galega actual, traerá as actuacións da Banda da Loba o 19 de febreiro, Eris Mackenzie o 13 de marzo e Maricarme o 10 de abril. Estes concertos celebraranse na Praza de Santa María ás 20.15 horas, pero en caso de choiva trasladaranse ao Auditorio de Veterinaria. Ademais, o 14 de febreiro terá lugar o ‘Lubicán Íntimo’ na Casa do Saber con Su Garrido Pombo e Marco Maril ás 20.30 horas. No mesmo ciclo, Abril actuará o 28 de marzo e 9 Louro o 3 de abril. Como complemento, realizaranse encontros entre artistas e alumnado preuniversitario, sendo Su Garrido Pombo a encargada de abrir estas sesións o 14 de febreiro ás 13.00 horas.
O ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’ tamén regresará en 2025 cunha actuación da Coral ‘Lucus Terra’ o 10 de marzo na Casa do Saber ás 20.00 horas. Ademais, a Orquestra e Coro da USC visitarán o Auditorio Fuxan Os Ventos o 27 de abril ás 19.00 horas. Outra das propostas musicais destacadas é ‘Na Calzada’, un programa que abre a recepción de propostas do 10 de febreiro ao 7 de marzo para que novos talentos, en fase de formación ou xa consolidados, poidan presentar as súas creacións.
FORMACIÓN, FOTOGRAFÍA E FOROS
En materia formativa, a USC pon en marcha o programa ‘Preparando… Paisaxe Sonora, Videocreación, Findecurta’, composto por tres módulos cuxas inscricións permanecerán abertas ata unha semana antes do inicio de cada un. O primeiro módulo, ‘Laboratorio Sonoro: Técnicas de gravación, software e creación de Paisaxes Sonoras’, celebrarase o 14 e 16 de febreiro con Arturo Vaquero como relator. O segundo, ‘Sementando Videoarte’, terá lugar o 21 e 23 de febreiro e será impartido por Carmen G. P. Granxeiro. O terceiro, ‘Cine de Guerrilla: Crea Cine Sen Límites’, será o 14 e 15 de marzo con Bruno Máez como responsable.
Tamén desde o 7 de febreiro está aberto o prazo de inscrición para os Encontros Fotográficos, que traerán a Lugo a mirada de artistas como Paula Quiroga Rodríguez o 7 de marzo, Cata Rego o 21 de marzo, Tono o 22 de marzo, Vicente Fraga o 28 de marzo e Jesús Madriñán o 4 de abril. Ademais, o primeiro encontro do Grupo Fotográfico do Campus terá lugar o 24 de abril, cun acompañamento titorizado para as persoas participantes.
Os foros de debate tamén terán un espazo destacado na programación coa volta dos Encontros de Lúa Chea, coloquios informais que se celebran na cafetaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría. Neste 2025, os temas a tratar serán a agricultura en Palestina o 26 de febreiro, urbanismo e acceso á vivenda o 12 de marzo, os 50 anos da morte de Franco o 2 de outubro e os 15 anos do decreto do Plurilingüismo o 29 de outubro. Todas estas sesións comezarán ás 19.00 horas.
TEATRO, DANZA E AUDIOVISUAL
O teatro e a danza tamén ocuparán un lugar relevante na oferta cultural da USC en Lugo. O 2 de abril, a Compañía de Teatro USC-Lugo estreará a súa obra Alicia wants to no Auditorio Gustavo Freire, mentres que o 11 de abril, na Casa do Saber, será a quenda da Compañía Vaites Vaites IV Ciclo con Cara de Leoparda. Ademais, do 2 ao 11 de abril celebrarase o Festival de Teatro Universitario, mentres que o Encontro de Danza Universitario terá lugar do 8 ao 10 de maio. O 5 de abril será a cita con EscaparArte.
No ámbito audiovisual, do 21 ao 25 de marzo terá lugar unha nova edición do certame Findecurta, coa inscrición aberta do 5 ao 19 de marzo. A proxección dos traballos e a entrega de premios será o 25 de abril no Auditorio da Facultade de Veterinaria. Tamén a fotografía terá un papel destacado coa mostra do XXX Maratón Fotográfico do Campus, que poderá visitarse na Biblioteca Provincial de Lugo desde o 7 ata o 26 de febreiro.
A programación cultural da USC no Campus de Lugo continuará no outono con novas propostas, moitas delas xa consolidadas na axenda cultural da cidade, como Paisaxe Sonora, Videocreación ou unha nova edición do Maratón Fotográfico. Con esta ampla oferta, a USC reafirma o seu compromiso coa cultura e a formación, fomentando a participación tanto do estudantado como da cidadanía lucense.