A USC preséntalle ao Ministerio de Vivenda un plan de aloxamento universitario para Santiago e Lugo

Como resposta á preocupación social pola problemática da vivenda, que está afectando fortemente o estudantado, o novo equipo de goberno da USC vén traballando en diversas iniciativas que deron como resultado o Plan social de aloxamento universitario alcanzable da USC. O xerente da Universidade, Juan Villoslada, presentou o documento na xuntanza do Consello de Goberno e anunciou que se lle acaba de presentar ao Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana enmarcado no Protocolo para a promoción de aloxamentos alcanzables destinados á comunidade universitaria.
Tal e como reza o documento, logo dunha análise pormenorizada da situación do aloxamento universitario da USC, o equipo de goberno que encabeza Rosa Crujeiras advertiu que a presión sobre o sistema de aloxamento universitario “aumentou notablemente, reflectíndose nun crecemento continuo das listas de agarda”, á vez que queda demostrado “o marcado carácter social do modelo de aloxamento da USC”. Por esta razón, a USC mantén a confianza en que o Ministerio acolla favorablemente o seu proxecto e contribúa a paliar a problemática.
O proxecto recompila información sobre iniciativas e actuacións que se atopan en distintos momentos de execución e que a USC desexa priorizar para incrementar o número de prazas en residencias públicas en ambos campus (Santiago de Compostela e Lugo), acometer as melloras imprescindibles de eficiencia enerxética e habitabilidade que permitan manter prazas de residencias abertas e ofrecer solucións habitacionais alternativas.
Deste xeito, a USC propón dous eixos de actuación. Un primeiro, de intervención en edificios da USC que xa existen, que consiste na reforma integral do Colexio Maior San Clemente, a rehabilitación e mellora da envolvente térmica do edificio Monte da Condesa e a reforma interior de mellora das condicións de accesibilidade e dotacións hixiénicas da Residencia Universitaria Bal y Gay de Lugo.
O segundo eixo de actuación ten que ver cun plan de convivencia e apoio interxeracional impulsado dende a Vicerreitoría de Estudantado, Igualdade, Diversidade e Benestar e que contempla tres programas concretos. Por unha banda, o proxecto piloto ‘USC ConVive en Comunidade’ que pretende desenvolver un modelo que combina aloxamento —alcanzable e accesible— para estudantado universitario con participación e compromiso comunitario. Outra proposta innovadora é ‘Convivencia Inclusiva COGAMI-USC’ para ofertar vivenda compartida entre estudantes da USC e persoas con discapacidade da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) durante o curso 2027/2028.
A estes dous únese o proxecto Convivencia Interxeracional que acaba de lanzarse como experiencia piloto en Lugo e que tamén se porá en marcha en Santiago coa fin de avaliar un modelo innovador de convivencia entre persoas de 65 anos ou máis que viven soas e son autónomas e estudantes de entre 18 e 35 anos da USC, que se ve afectado pola situación de emerxencia da vivenda e, tamén, pola soidade indesexada.
Dixitalización e novas unidades de investigación
Na mesma xuntanza, e coa fin de organizar de maneira conxunta todos os aspectos relacionados coa dixitalización, no cal é preciso integrar a propia administración electrónica para darlle coherencia á toma de decisións e axilizar a súa execución, o Consello de Goberno aprobou o Regulamento de transformación dixital, administración electrónica e desenvolvemento das tecnoloxías da información e da comunicación da USC. Con el unifícase nun só documento xurídico a regulación sobre a administración electrónica e a gobernanza da transformación dixital e dos desenvolvementos tecnolóxicos.
Ademais, acordouse renovar a Unidade Asociada CSIC-USC entre o CSIC (Instituto de Nanociencia e Materiais de Aragón) e a USC, que inclúe membros do Instituto de Materiais (IMATUS), e a creación de dúas novas unidades: entre o CSIC, a través do Instituto de Química-Física Blas Cabrera e do Instituto de Ciencia y Tecnología del Carbono (INCAR), incluíndo membros dos departamentos de Química de Materiales e de Procesos Químicos Sostenibles, e a USC, a través de membros do Grupo de Investigación NAFOMAT e do Instituto de Materiais da USC (IMATUS); e a do CSIC, a través do través da Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC), e a USC, a través do Grupo ANTE/Departamento de Xeografía.
Outros asuntos
Aprobáronse ademais os acordos de asignación a área de coñecemento e servizo asistencial de prazas de profesorado vinculadas e de reposición de prazas vacantes de profesorado con vinculación asistencial e de reasignación e reposición de prazas de PACS. Tamén en materia de PDI tratouse unha comisión de servizos, a prórroga de contratos de tres PACS, a reposición de dúas prazas vacantes de profesorado asociado ademais da proposta de asignación de complementos de excelencia curricular 2025.
A modificación de dous programas de doutoramento, a Convocatoria anual de tramitación de titulacións do curso 2026/2027, as contas da Fundación Dieta Atlántica, a modificación do Regulamento de Mobilidade de PTXAS funcionario para adaptalo á nova estrutura organizativa da USC e a modificación, para flexibilizalo, do Acordo do Consello de Goberno do 28 de febreiro de 2019 sobre a esixencia de nivel de coñecemento de lingua galega ou española para a matrícula en estudos de grao, máster e doutoramento foron outros temas sometidos a debate e aprobación na xornada de hoxe.
Tamén na xuntanza se procedeu á cobertura de vacantes das comisións delegadas do Consello de Goberno e á designación de representantes do estudantado, do PDI e do PTXAS nas Comisións de Coordinación da Estratexia Dixital e de Administración Electrónica e nos órganos de dirección das EBCs participadas pola USC.