A USC recoñece con seis premios traballos que incorporan a perspectiva de xénero na docencia e na investigación

GaliciaXa | LugoXa
Na categoría de docencia, o primeiro premio foi para Luzia Oca González polo proxecto desenvolvido no primeiro curso do Grao en Nutrición Humana e Dietética, no Campus de Lugo
premios-usc-perspectiva-de-xenero-na-docencia
26 Sep 2026

A Universidade de Santiago de Compostela entregou este venres os Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero na Docencia e na Investigación, uns galardóns que buscan poñer en valor iniciativas académicas que incorporan unha mirada feminista á ensinanza e á produción de coñecemento.

O acto, celebrado no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, contou coa participación da reitora da USC, Rosa M. Crujeiras; a vicerreitora de Estudantado, Igualdade, Diversidade e Benestar, Lorena Añón Loureiro; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín Rei, e a directora xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia, Eloína Ingerto López.

Durante a entrega, Crujeiras destacou que estes premios representan «unha maneira diferente de facer universidade» e considerou que son un reflexo do modelo de sociedade ao que debe contribuír a institución académica. Segundo sinalou, os recoñecementos permiten avanzar cara a «un coñecemento máis inclusivo, máis plural e máis comprometido coa comprensión crítica das desigualdades e coa construción dunha sociedade máis xusta».

Na categoría de docencia, o primeiro premio foi para Luzia Oca González polo proxecto «Introducindo a perspectiva de xénero na docencia. Fundamentos antropolóxicos da alimentación», desenvolvido na materia Fundamentos Antropolóxicos da Alimentación do primeiro curso do Grao en Nutrición Humana e Dietética, no Campus de Lugo, durante o segundo semestre do curso 2025/2026.

A iniciativa incorporou a perspectiva de xénero e feminista ao estudo dos fundamentos socioculturais da alimentación mediante actividades prácticas destinadas a promover a reflexión do alumnado a partir das súas experiencias familiares e cotiás. Entre as propostas figuraron unha mostra fotográfica e un traballo de investigación etnográfica centrados no papel das mulleres na alimentación, tanto no ámbito doméstico como no laboral.

O segundo premio de docencia recoñeceu o proxecto «Código violeta: unha experiencia intercurso para avaliar e (re)deseñar materiais didácticos con perspectiva de xénero», elaborado por Milena Villar Varela, Silvia López Gómez, Pablo Gayo Pérez, Jesús Rodríguez Rodríguez, Clara Martínez Delgado e María del Mar Sanjuán Roca.

A proposta desenvolveuse no Grao en Pedagoxía da USC e introduciu de forma transversal a perspectiva de xénero en materias de segundo e cuarto curso relacionadas coa Didáctica e co deseño e avaliación de materiais didácticos. O obxectivo é que o futuro alumnado profesional da pedagoxía poida detectar, analizar e modificar posibles nesgos de xénero nos recursos educativos e nas decisións curriculares.

No ámbito da investigación, o primeiro premio foi para Uxía Otero González e Daniela Ferrández Pérez polo estudo «Disidencias sartoriais sexo-xenéricas na Galicia da primeira metade do século XX: unha investigación colaborativa desde a perspectiva de xénero».

O traballo analiza a situación das persoas cuxas identidades, desexos, corpos ou aparencias se afastaban das expectativas normativas de xénero na Galicia rural entre finais do século XIX e a década de 1960. A investigación aborda estas expresións de non conformidade de xénero como fenómenos vinculados ao contexto histórico, social, legal, económico e comunitario da época.

O segundo premio de investigación recaeu en Xiana Estévez Huete polo traballo «Inxustiza estrutural. Coñecemento e poder». A investigación analiza como os propios mecanismos empregados para avaliar os danos derivados da inxustiza estrutural poden contribuír, en determinados casos, á desautorización de determinadas voces e á reprodución de relacións de poder.

O estudo presta atención á distribución desigual da autoridade, a credibilidade e o recoñecemento social, así como á influencia de factores como o sexo-xénero e a clase social, entre outros, tanto nos ámbitos académicos e institucionais como nos novos espazos dixitais de comunicación.

O terceiro premio foi para «Mulleres medievais: textos e imaxes na lírica galego-portuguesa», de María Esther Corral Díaz, en co-coordinación con Yara Frateschi Vieira e coa participación como coautores de María Bermúdez Castro, Miguel García Fernández, Isabel Morán Cabanas, María Ana Ramos, Michel Sleiman, José Antonio Souto Cabo e Tania Vázquez García.

A obra céntrase na presenza das mulleres na lírica profana galego-portuguesa medieval, a través da análise conxunta de textos, imaxes manuscritas e outros materiais. O traballo pretende contribuír á visibilización do papel feminino na tradición literaria medieval do noroeste peninsular e propoñer novas vías de interpretación desde a perspectiva de xénero. A publicación foi realizada polo Servizo de Publicacións da USC co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

0.16148400306702