A USC reivindica o 25N con actos nos campus de Lugo e Santiago

GaliciaXa | LugoXa
A programación do 25 de novembro incluirá performances participativas, lecturas de manifestos e un minuto de silencio, ademais de exposicións e actividades de sensibilización en distintos centros universitarios
25N-USC
24 Nov 2026

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) conmemorará o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o vindeiro 25 de novembro, cun amplo programa de actividades nos campus de Lugo e Santiago. A iniciativa incluirá accións promovidas polos distintos centros universitarios e dous actos centrais para denunciar a violencia machista e reclamar o seu erradicación.

No campus compostelán, a Praza do Obradoiro acollerá ás 13:15 horas a performance participativa "Non chove(u) igual para todas", organizada pola Vicerreitoría de Estudantado, Igualdade, Diversidade e Benestar. A proposta buscará reflexionar sobre a gravidade da violencia contra as mulleres, os seus efectos e a importancia das redes de apoio e do feminismo para avanzar cara á igualdade. As persoas que desexen participar deberán acudir ás 12:30 horas e inscribirse previamente a través dun formulario en liña.

En Lugo, o acto central desenvolverase a partir das 12:00 horas na entrada da Biblioteca Intercentros. O programa incluirá a lectura do manifesto da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria, unha performance participativa titulada "Se así esquecemos...", un minuto de silencio polas vítimas da violencia contra as mulleres en España no que vai de ano e unha fotografía conxunta. Para intervir na performance será necesaria a inscrición previa.

O programa estenderase tamén a outros espazos universitarios con exposicións, propostas culturais e accións de sensibilización. Entre elas figuran mostras bibliográficas sobre a violencia contra as mulleres e a igualdade, a instalación conmemorativa "In Memoriam. Que os seus nomes non sexan esquecidos", actividades para identificar a violencia de xénero nas relacións de parella, murais participativos e campañas sobre a violencia estética que sofren as mulleres maiores.

A programación incluirá tamén lecturas de poemas e textos de escritoras galegas, representacións teatrais, actuacións musicais e performances do alumnado, así como lecturas de manifestos e minutos de silencio en diferentes facultades. Ademais, o 24 de novembro celebrarase na Facultade de Relacións Laborais a xornada "Violencia contra as mulleres e desigualdades territoriais. Dos datos á realidade social", con conferencias, presentación de resultados de investigación e unha mesa redonda.

0.13119387626648