A V ‘Ciencia na aldea’ tratará o papel da muller no ámbito agrario, a gandería de montaña e a transhumancia

Entre os participantes figuran profesionais vinculados a institucións como o CSIC, as universidades de Santiago de Compostela, Salamanca e Oviedo, así como entidades internacionais
Presentación-Ciencia-na-Aldea-2026
24 Apr 2026

A quinta edición de Ciencia na aldea converterá estes 24, 25 e 26 de abril a Pena da Nogueira nun punto de encontro entre ciencia e rural, destacando o papel da muller no ámbito agrario, a gandería de montaña e a transhumancia, coincidindo coa celebración en 2026 do Ano Internacional da Muller agricultora e dos pastizais e dos pastores.

O evento, organizado pola Asociación Corripa co apoio da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, reunirá divulgadores, naturalistas e investigadores procedentes de España, Portugal, Francia e Italia.

Entre os participantes figuran profesionais vinculados a institucións como o CSIC, as universidades de Santiago de Compostela, Salamanca e Oviedo, así como entidades internacionais como o Conservatoire d’espaces naturels de Nouvelle-Aquitaine, o Centro de Interpretação da Serra da Estrela ou a Universidade de Coimbra.

Segundo explicou o vicepresidente da Asociación Corripa, Alberto Uría, o encontro busca achegar a ciencia ao territorio, reivindicando que unha parte fundamental do coñecemento xorde directamente da natureza e do medio rural.

A deputada Iria Castro puxo en valor o traballo desenvolvido ao longo do ano pola organización para consolidar unhas xornadas que cada edición incorporan novas perspectivas desde o ámbito científico e da innovación. Ademais, destacou o papel desta iniciativa á hora de romper estigmas e amosar o rural como un espazo dinámico no que se xeran ideas e se poden desenvolver proxectos de futuro, subliñando tamén a necesidade de garantir recursos e servizos que permitan fixar poboación e sosteñer a actividade produtiva.

0.12738108634949