A veciñanza da montaña lucense mobilízase en Lugo para reclamar unha sanidade pública digna no rural

GaliciaXa | LugoXa
Denuncian na cidade a situación “insostíbel” da atención primaria e esixen máis persoal, servizos e a reapertura do consultorio de Doiras
concentración-sanidade-Lugo-no-rural-Navia-e-Cervantes
21 May 2026

A veciñanza da montaña lucense concentrouse diante do edificio multiusos da Xunta de Galicia en Lugo para denunciar a situación límite que atravesa a atención sanitaria na comarca e reclamar medidas urxentes que garantan unha sanidade pública de calidade no rural.

A mobilización serviu para trasladar o malestar dunha poboación que, segundo explicaron, está farta de promesas incumpridas. En representación das persoas convocantes, Amelia Amigo sinalou que o descontento vén de longo e que a situación non deixa de empeorar.

“Levamos anos escoitando compromisos por parte do Partido Popular, pero a realidade é que cada vez temos menos servizos, menos persoal e máis dificultades para acceder a unha consulta médica”, denunciou durante a concentración.

A veciñanza advertiu de que a situación sanitaria na montaña é “insostíbel”, especialmente en concellos como Cervantes, Navia de Suarna, Pedrafita ou Becerreá, onde a falta de persoal e a precariedade na atención obrigan a desprazamentos longos para poder recibir asistencia médica.

Segundo explicaron, factores como a dispersión da poboación, o envellecemento e a falta de transporte público converten o acceso á sanidade nunha “auténtica carreira de obstáculos”. Tamén denunciaron que hai persoas maiores que dependen de familiares ou veciños para acudir ás consultas e mesmo casos nos que deben pagar desprazamentos privados para recibir atención.

Amelia Amigo advertiu ademais de que o deterioro da atención primaria no rural non responde a feitos puntuais, senón a unha política continuada de recortes e falta de planificación por parte da Xunta de Galicia. Neste sentido, lembrou que distintos informes do Consello de Contas de Galicia xa alertaron das carencias na atención primaria.

As persoas participantes na mobilización insistiron en que non pode haber equilibrio territorial nin futuro para a montaña se non se garante o acceso igualitario aos servizos públicos básicos. Por iso, acusaron ao Goberno galego de tratar a veciñanza do rural como cidadanía de segunda.

Entre as principais reivindicacións, esixiron a reapertura inmediata do consultorio de Doiras, a cobertura estable do persoal sanitario en Cervantes e Navia de Suarna e un reforzo real da atención primaria en toda a montaña lucense.

“O dereito á sanidade pública non pode depender do lugar no que vives nin dos teus recursos económicos. Vivir no rural non pode converterse nun castigo”, concluíu Amelia Amigo.

A veciñanza anunciou que continuará coas mobilizacións mentres non se adopten solucións efectivas que garantan unha atención sanitaria digna na montaña lucense.

0.11715602874756