A veciñanza de Cervantes concentrouse para reclamar a cobertura de médicos e a reapertura do consultorio de Doiras

LugoXa
O BNG acusa á Consellería de Sanidade e ao PP de inacción e denuncia a falta de profesionais no concello
BNG-Cervantes-centro-de-saúde
18 Mar 2026

A veciñanza de Cervantes volveu concentrarse diante do centro de saúde de San Román para denunciar o peche do consultorio médico de Doiras e a decisión da Consellería de Sanidade de non cubrir as vacantes médicas no concello.

Estiveron acompañados por Olalla Rodil, deputada do BNG no Parlamento Galego, e membros do BNG de Cervantes.

A deputada puxo de manifesto a inacción do PP á hora de garantir o acceso á saúde da veciñanza de Cervantes cando, na iniciativa levada por ela mesma ao Parlamento, o PP votou en contra da cobertura permanente das dúas prazas de persoal facultativo no centro de saúde de San Román así como da restitución da atención sanitaria no consultorio de Doiras.

Non pode ser que desde o PP de Cervantes se trate de tapar a ineficacia do partido en lugar de traballar por solucionar a situación que sofre a veciñanza. “Non fixeron absolutamente nada, máis que enganar á xente asegurando que no mes de outubro se restituiría todo. Non manipule a realidade”, emprazou.

Rodil reclamoulle ao PP, por “honestidade e respecto” á veciñanza, que “non lles siga mentindo” con promesas como a reapertura do consultorio de Doiras ou que os e as pacientes ían ser atendidos con todas as garantías, incluíndo o programa de enfermería a domicilio do Sergas “Ariadna”.

Actualmente, o concello de Cervantes pasa de ter dous médicos e unha enfermeira no centro de San Román e un médico e unha enfermeira en Doiras a atender toda a poboación con un único médico e unha enfermeira para todo o concello.

No caso de Doiras, o consultorio pechouse no verán de 2024 e, ao reabrilo, só prestaba atención dous días á semana, sen cubrir a praza vacante, desprazándose un dos médicos de San Román de xoves a venres.

No centro de saúde de San Román, un dos médicos cambiou de destino no concurso de traslados, deixando só un médico en todo o concello, co que Doiras permanece pechado e toda a poboación recibe atención no centro de San Román cun único médico e unha enfermeira.

Rodil destacou que se trata de 945 pacientes en total, con 238 cartillas en Doiras e 378 e 329 dos dous médicos de San Román. A deputada argumentou que a sanidade perde calidade, accesibilidade e proximidade cando as persoas adscritas a Doiras se ven obrigadas a percorrer máis de 20 quilómetros para ver un médico, sen transporte público, dependendo do vehículo propio, dun veciño ou dun taxi.

“Cervantes non é Lugo nin Santiago”, comparou, lembrando que se trata dun concello de alta montaña cunha superficie de 277,63 km² e cunha poboación media de 60 anos. “A proximidade e a accesibilidade brilla pola súa ausencia”, criticou.

0.12105202674866