A veciñanza de Cervantes mobilizouse pola reapertura do consultorio de Doiras

LugoXa
O BNG denuncia o incumprimento da Xunta e critica a precariedade da atención sanitaria no municipio
concentracion-centro-de-saúde-Cervantes
22 Apr 2026

A veciñanza de Cervantes concentrouse diante do consultorio de Doiras para denunciar o incumprimento da súa reapertura e a situación da atención sanitaria no municipio. A mobilización contou co apoio do Bloque Nacionalista Galego, que acusou ao Partido Popular de “enganar á veciñanza con anuncios que nunca se materializan”.

A responsábel local do BNG en Cervantes, Maruxa Bardasco, asegurou que “o PP leva tempo xogando coa sanidade da veciñanza da montaña, facendo promesas que non cumpre e mantendo servizos básicos en situación de precariedade”.

Bardasco denunciou tamén que o que está a acontecer no concello é “un exemplo claro do abandono da atención primaria no rural”, lembrando que o consultorio de Doiras continúa pechado malia os anuncios realizados e que tampouco existe unha cobertura sanitaria estábel na zona de San Román.

Desde o BNG esixiron á Xunta a reapertura inmediata do consultorio e a garantía de persoal sanitario suficiente e fixo no municipio. “A sanidade non pode depender de parches nin de anuncios propagandísticos”, sinalou a representante nacionalista.

A formación subliñou que continuará apoiando as mobilizacións veciñais co obxectivo de defender “un dereito básico como é o acceso á sanidade pública”.

0.12779211997986