A veciñanza de Cervantes reclama solucións urxentes para a situación sanitaria

A veciñanza de Cervantes volveu mobilizarse diante do consultorio de Doiras para reclamar medidas urxentes que permitan resolver a situación sanitaria que atravesa o municipio e denunciar a falta de resposta da Xunta de Galicia ante as demandas da poboación desta zona da montaña lucense. Os asistentes puxeron o foco no mantemento do peche do consultorio e na falta de garantías para recibir unha atención sanitaria adecuada.
A concentración dá continuidade ás mobilizacións promovidas nos últimos meses pola propia veciñanza, que continúa reclamando melloras nos servizos sanitarios ante a ausencia de respostas por parte da Consellería de Sanidade. Durante a protesta, os participantes insistiron na necesidade de reabrir o consultorio de Doiras e de garantir unha cobertura sanitaria estable que dea resposta ás necesidades dun concello condicionado polo envellecemento da poboación, a dispersión xeográfica e as dificultades de mobilidade.
A responsábel local do BNG en Cervantes, Maruxa Bardasco, destacou a constancia mostrada pola cidadanía durante este proceso reivindicativo e asegurou que a veciñanza leva meses reclamando un servizo esencial sen obter solucións. Segundo indicou, a demanda céntrase en poder acceder a unha atención sanitaria adecuada sen ter que afrontar novas dificultades derivadas da falta de recursos.
Bardasco tamén criticou a actuación do Goberno galego e asegurou que, ao seu xuízo, as promesas realizadas non se traduciron en medidas concretas, mentres a situación sanitaria continúa presentando carencias importantes. Ademais, advertiu de que a atención sanitaria na montaña non pode converterse nun servizo con menores prestacións respecto doutros territorios.
A representante nacionalista expresou tamén a preocupación existente entre a veciñanza ante a chegada do período estival. Segundo explicou, nos próximos días espérase un incremento da poboación debido ao regreso de numerosas familias para pasar as vacacións, unha circunstancia que coincide, segundo denuncia, cunha redución dos recursos sanitarios dispoñibles.
Neste sentido, sinalou que consideran especialmente preocupante que o centro de saúde de Doiras continúe pechado e que o de San Román funcione con recursos limitados nun momento no que aumentará a demanda asistencial, unha situación que, segundo apuntan, dificulta ofrecer unha cobertura sanitaria suficiente tanto para os residentes habituais como para as persoas que permanecen no municipio durante o verán.
Desde o BNG lembraron que garantir a asistencia sanitaria no rural vai máis aló dunha cuestión exclusivamente asistencial e vincularon este servizo coa igualdade de dereitos e co equilibrio territorial. A formación considera que a existencia de servizos públicos de calidade resulta fundamental para asegurar o futuro dos núcleos rurais e favorecer a súa continuidade.