A veciñanza de Cervantes volve mobilizarse para esixir a reapertura do consultorio de Doiras

A veciñanza de Cervantes concentrouse novamente diante do centro de saúde de Doiras para denunciar a situación da atención sanitaria no municipio e reclamar medidas urxentes que garantan un servizo esencial nun territorio marcado polo envellecemento da poboación, a dispersión xeográfica e as dificultades de mobilidade.
Na mobilización, apoiada polo BNG, expresouse a preocupación polo peche continuado do consultorio de Doiras e pola falta dunha cobertura sanitaria estable no centro de saúde de San Román. A responsable local da formación nacionalista, Maruxa Bardasco, advertiu de que “o acceso á sanidade estase convertendo nunha carreira de obstáculos para moitas persoas da montaña lucense”.
Segundo explicou, numerosos veciños vense obrigados a percorrer longas distancias para recibir atención médica, unha situación especialmente complicada para as persoas maiores que carecen de medios propios de transporte. Bardasco subliñou que a realidade da montaña require unha atención específica, xa que a ausencia de profesionais sanitarios ou o peche de instalacións teñen un impacto moito maior que nas zonas urbanas.
Durante a concentración, os asistentes tamén mostraron o seu malestar polos anuncios realizados sobre a reapertura do consultorio de Doiras, que consideran incumpridos. Para o BNG, esta situación reflicte unha falta de compromiso da Xunta coa atención primaria no rural.
“Non estamos reclamando privilexios, estamos reclamando igualdade”, afirmou Bardasco, quen defendeu o dereito da poboación da montaña a contar cunha sanidade próxima, accesible e de calidade.
Desde a formación nacionalista lembraron ademais que a perda de servizos públicos contribúe ao despoboamento e dificulta que a veciñanza poida permanecer e desenvolver o seu proxecto de vida no rural. O BNG comprometeuse a seguir apoiando as reivindicacións dos residentes e a trasladar esta demanda ás distintas institucións ata lograr a reapertura do consultorio de Doiras e unha asistencia sanitaria suficiente e estable para todo o concello.