A veciñanza de Cervantes volve mobilizarse para reclamar unha atención sanitaria digna

LugoXa
Os participantes denuncian a continuidade do peche do consultorio de Doiras e a falta de solucións por parte da Xunta
concentracion-centro-de-saúde-Cervantes
18 Jun 2026

A veciñanza de Cervantes volveu concentrarse diante do consultorio de Doiras para reclamar medidas que permitan solucionar a situación sanitaria que atravesa o municipio e denunciar a ausencia de respostas por parte da Xunta de Galicia.

A mobilización enmárcase nas protestas que se están a desenvolver nos últimos meses co obxectivo de reclamar a recuperación dun servizo sanitario adecuado nun concello especialmente condicionado polo envellecemento da poboación, a dispersión xeográfica e as dificultades de mobilidade que afectan aos seus residentes.

Os participantes nas concentracións aseguran que, malia os anuncios realizados polo Partido Popular sobre a reapertura do consultorio de Doiras, a situación continúa sen cambios. Segundo denuncian, o centro segue pechado e o municipio continúa sen unha cobertura sanitaria suficiente e estable.

A responsábel local do BNG en Cervantes, Maruxa Bardasco, advertiu de que “a paciencia da veciñanza está chegando ao límite porque levamos meses escoitando promesas que nunca se materializan mentres os problemas seguen sen resolverse”. Na mesma liña, criticou que “o PP utiliza a sanidade da montaña para facer anuncios propagandísticos, pero cando chega o momento de cumprir, a veciñanza continúa sen respostas”.

Bardasco sinalou tamén que a situación afecta especialmente ás persoas maiores, que son as que sofren con máis intensidade as consecuencias da falta de profesionais e da desaparición de servizos próximos. “Non podemos aceptar que para acudir a unha consulta médica haxa persoas que teñan que depender de familiares, veciños ou desprazamentos complexos por falta dunha atención sanitaria adecuada no propio concello”, afirmou.

Desde o BNG consideran que a defensa da sanidade pública tamén está vinculada ao equilibrio territorial e ao futuro das zonas rurais. Neste sentido, sosteñen que a perda de servizos dificulta a permanencia da poboación e incrementa os problemas de despoboamento na montaña lucense. “Garantir unha atención sanitaria próxima e de calidade é unha condición indispensable para poder vivir no rural en igualdade de dereitos”, indicou Bardasco.

A formación nacionalista reiterou ademais o seu apoio ás reivindicacións da veciñanza e asegurou que continuará trasladando esta problemática ás distintas institucións ata conseguir a reapertura do consultorio de Doiras e unha cobertura sanitaria estable para o conxunto do municipio.

0.12345409393311