A veciñanza de Cervantes volverá concentrarse para reclamar a reapertura do consultorio de Doiras

LugoXa
A mobilización celebrarase o xoves ás 12.00 horas para esixir á Xunta unha cobertura sanitaria estable e o cumprimento dos compromisos adquiridos
centro-de-saúde-Cervantes-concentración
14 Jul 2026

A veciñanza de Cervantes volverá mobilizarse o vindeiro xoves 16 de xullo, ás 12.00 horas, diante do consultorio de Doiras para reclamar á Xunta de Galicia unha atención sanitaria digna e o cumprimento dos compromisos adquiridos coa veciñanza. A convocatoria chega tras meses de reivindicacións nos que, segundo denuncian, a situación continúa sen resolverse e os anuncios realizados polo Goberno galego aínda non se materializaron.

As persoas convocantes aseguran que o consultorio de Doiras continúa pechado e que o municipio segue sen contar cunha cobertura sanitaria estable. Consideran que esta situación resulta especialmente preocupante nun concello cunha poboación envellecida, cunha gran dispersión xeográfica e con dificultades para acceder a outros recursos asistenciais.

A responsable local do BNG en Cervantes, Maruxa Bardasco, afirmou que "volvemos concentrarnos porque nada cambiou. Levamos meses escoitando promesas e anuncios, pero a realidade é que o consultorio segue pechado e a atención sanitaria continúa sendo insuficiente".

A nacionalista advertiu ademais de que a chegada do verán incrementa a poboación do municipio e, con ela, a demanda asistencial. Segundo sinalou, lonxe de reforzarse os servizos sanitarios durante estes meses, a falta de persoal e a incerteza sobre a cobertura médica mantéñense.

Desde o BNG consideran que a Xunta está incumprindo a súa responsabilidade de garantir unha sanidade pública de proximidade no rural e aseguran que continuarán apoiando as mobilizacións mentres non se recuperen plenamente os servizos. "Cada concentración é a consecuencia dos incumprimentos da Xunta. Se a situación continúa igual, a veciñanza seguirá saíndo á rúa para defender un dereito tan básico como é a sanidade pública", concluíu Bardasco.

A concentración celebrarase diante do consultorio de Doiras e os convocantes fan un chamamento á participación da veciñanza para reclamar a reapertura do centro e unha cobertura sanitaria suficiente e estable para todo o concello.

0.13466691970825