A veciñanza de Cervantes volveu mobilizarse para reclamar unha atención sanitaria digna

GaliciaXa | LugoXa
O BNG denuncia que o consultorio de Doiras continúa pechado e advirte das dificultades para acceder a servizos básicos de atención primaria
centro-de-saúde-Cervantes-mobilización
17 Jul 2026

A veciñanza de Cervantes concentrouse de novo diante do consultorio de Doiras para denunciar que a falta de persoal sanitario segue condicionando a asistencia médica no municipio. A protesta puxo de manifesto, segundo os participantes, que a situación da atención primaria continúa sen melloras, malia os anuncios realizados pola Xunta de Galicia nos últimos meses.

Durante a mobilización, os asistentes criticaron que o consultorio de Doiras permaneza pechado e aseguraron que a cobertura sanitaria tamén continúa sendo insuficiente no centro de saúde de San Román, unha situación que, ao seu xuízo, impide prestar unha atención adecuada á poboación.

Segundo explicaron, a escaseza de profesionais está a provocar tamén problemas para realizar trámites sanitarios habituais. Como exemplo, unha veciña relatou que este mesmo día contactou co centro de saúde para activar unha receita e foi informada de que non poderá facelo ata o vindeiro 5 de agosto, ao atoparse de vacacións a profesional responsable e contar o centro cunha única médica durante dúas horas ao día.

A responsable local do BNG en Cervantes, Maruxa Bardasco, cualificou a situación de "intolerable" e sostivo que a Xunta "pretende facer crer que a situación está normalizada cando a realidade é que seguimos sen persoal médico suficiente para atender á veciñanza". Así mesmo, lembrou que o consultorio de Doiras continúa sen actividade e que, segundo indicou, tampouco se garantiu unha cobertura sanitaria estable en San Román.

Bardasco incidiu en que o problema se agrava durante a época estival, cando a poboación do municipio aumenta de forma significativa. Segundo explicou, lonxe de reforzarse os servizos sanitarios para responder a ese incremento da demanda, a atención redúcese, obrigando aos veciños a afrontar esperas, desprazamentos e dificultades mesmo para xestións básicas.

Desde o BNG acusan ao Goberno galego de manter unha situación de abandono da sanidade no rural e de non garantir unha atención pública en condicións de igualdade co resto do territorio. A formación nacionalista asegura que continuará promovendo mobilizacións ata que Cervantes recupere os servizos sanitarios que considera necesarios para atender á súa poboación.

0.12161302566528