A veciñanza de Lugo pide á Xunta prioridade para o saneamento no rural do municipio

LugoXa
A asociación Lugo en Pé reclama que se reinvista parte do canon da auga no territorio e que se cumpra a promesa dun millón de euros para a parroquia de Esperante
Hospital-de-Calde
26 Jun 2025

A Asociación Veciñal Lugo en Pé ... Na Defensa do Rural, integrada na Federación de Asociacións Veciñais da Provincia de Lugo Lucus Augusti, solicita que na vindeira reunión entre o alcalde de Lugo e o presidente da Xunta de Galicia se aborde como prioridade o saneamento do rural no termo municipal.

Segundo a entidade, entre o 75% e o 80% das máis de 50 parroquias que compoñen o rural do Concello de Lugo carecen de rede de saneamento. Denuncian que a fórmula de financiamento conxunto, pola cal a Xunta achegaba o 70% e o Concello o 30%, leva anos sen aplicarse.

Lembran que, nos últimos 15 anos, os veciños e veciñas censados no Concello de Lugo achegaron 14 millóns de euros en concepto de canon da auga, sen que se reinvestira un só euro en obras de saneamento dentro do municipio. Acusan á Xunta de empregar eses fondos para obras noutras localidades da provincia gobernadas polo PP, ignorando Lugo. Por iso, propoñen que se reinvista como mínimo o 50% do canon recadado no propio Concello.

A asociación tamén reclama a execución do proxecto de saneamento para a parroquia de Esperante e a súa contorna, onde se atopa o Hospital de Calde, competencia da Xunta e que tampouco conta con rede de saneamento.

Aseguran que o proxecto está redactado e lembran que a Xunta comprometeu publicamente un investimento dun millón de euros para esta actuación, sen que ata o momento se fixera efectivo. Piden que este compromiso se cumpra e que o tema se trate na anunciada reunión entre o rexedor lucense e o presidente autonómico.

⚙ Configurar cookies
0.16868090629578