A veciñanza de Santo Domingo denuncia o ruído e os problemas de seguridade do escenario de San Froilán

LugoXa
A Asociación de Veciños Centro de Lugo asegura que recibiu numerosas queixas polos concertos, os botellóns e as molestias provocadas durante tres días na contorna da praza
actuación-San-Froilán-Santo-Domingo
13 Oct 2026

A instalación dun escenario musical na base da aguia da praza de Santo Domingo durante o San Froilán xerou un importante malestar entre os residentes e os traballadores da zona. A Asociación de Veciños Centro de Lugo asegura que recibiu numerosas queixas polo volume da música, os botellóns, as dificultades para circular e o incumprimento dos horarios de finalización dos eventos.

Segundo explica o colectivo, os problemas comezaron o venres, unha xornada laborable na que xa se rexistraron reclamacións de veciños, comerciantes e mesmo dunha clínica sanitaria. A asociación sinala que o volume do son chegou a provocar vibracións nos cristais das fiestras e que as molestias aumentaron durante as seguintes xornadas, malia trasladarlle a situación ao Concello.

A entidade tamén denuncia que tivo que recorrer en numerosas ocasións á Policía Local. Ás queixas polo ruído engadíronse as relacionadas cos botellóns, o paso de asistentes polos xardíns ante a falta de espazo para transitar e os problemas de seguridade derivados da circulación de vehículos de residentes e usuarios do aparcadoiro público entre as persoas asistentes aos concertos.

A asociación afirma, ademais, que durante os tres días se superou amplamente a hora prevista para rematar as actuacións. O colectivo lembra que houbo ata oito horas continuadas de música e que os veciños tiveron que volver chamar á Policía Local polo exceso de horario.

Desde a Asociación de Veciños Centro de Lugo lamentan que, malia a colaboración que aseguran manter habitualmente co Concello, se adopten decisións deste tipo sen consultar previamente os residentes. Consideran que a elección desta localización provocou un prexuízo innecesario e incrementou o malestar no barrio.

O colectivo tamén cuestiona que se declare unha zona de baixas emisións (ZBE) mentres se crean novos focos de contaminación acústica. Neste sentido, lembra que a veciñanza xa soporta molestias sonoras desde hai anos noutros puntos próximos, como a contorna da Catedral e a Rúa Nova.

Por último, a asociación volve reclamar a aprobación da nova Ordenanza Reguladora da Contaminación Acústica, que considera urxente para abordar os problemas de ruído que afectan á zona.

0.15193295478821