A Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia o proxecto Coa Educación por Diante 2026 de Fapacel

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A Federación reúne a 109 ANPAS da provincia, que poderán beneficiarse de asesoramento técnico e un programa de actividades educativas
sinatura-convenio-fapacel
29 Sep 2026

A deputada de Cultura, Iria Castro e a presidenta da Federación Provincial de ANPAS de Centros Públicos de Lugo (Fapacel), Isabel Calvete, asinaron esta mañá un convenio para impulsar o proxecto “Coa Educación por Diante 2026”.

Un total de 109 ANPAS da provincia poderán beneficiarse desta iniciativa, que inclúe asesoramento técnico e un programa de actividades educativas para acompañar as familias no proceso educativo.

A deputada sinalou que “as familias afrontan hoxe novos retos no ámbito da educación e da crianza, e iniciativas como esta permiten poñer ao seu alcance ferramentas e recursos para acompañalas nese proceso”. Neste sentido, destacou que o programa aborda cuestións como a igualdade, a educación emocional, a diversidade e a convivencia.

Ademais, reivindicou o papel das ANPAS “como parte esencial do ensino público que defendemos, e este convenio tamén garante a viabilidade administrativa das asociacións federadas, que canalizan a voz e as necesidades das familias”.

O programa de accións formativas de 2026 inclúe cinco liñas de traballo: benestar e saúde, competencias dixitais e seguridade, educación emocional e familia, diversidade e convivencia e igualdade e inclusión; que inclúen charlas, obradoiros ou sesións conxuntas dirixidas tanto ao alumnado de primaria, secundaria como ás súas familias.

0.1703507900238