A Vicepresidencia da Deputación impulsa máis dun cento de actividades artesás na provincia

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo impulsa máis dun cento de demostracións, obradoiros e cursos de artesanía en toda a provincia, a través do programa ‘Mans artesás’.
Unha iniciativa que se puxo en marcha por primeira vez este ano, co obxectivo de fomentar a presenza da artesanía e dos oficios tradicionais en festas e actos culturais e tamén nas actividades lúdicas e veciñais que ofrecen asociacións e colectivos veciñais ao longo do ano.
O programa, lanzado o pasado mes de febreiro, esgotou en apenas dúas semanas o orzamento previsto pola gran demanda que esta oferta de actividades xerou entre o tecido asociativo de todas as comarcas.
Cestería, olería, coiro, fiado, tear, torneado e talla de madeira foron algunhas das disciplinas máis demandadas do catálogo proposto que incluía tamén creación de autómatas ou instrumentos de música tradicional, restauración de mobles, tapizaría, elaboración de elementos do traxe tradicional ou pintura téxtil.
Ademais da implicación social no coñecemento destas disciplinas, o programa ‘Mans Artesás’ está consolidando e abrindo oportunidades profesionais para as artesás e artesáns participantes, que poden complementar a súa actividade produtiva ou de venda cunha labor formativa e divulgativa. A iniciativa abriuse a profesionais da artesanía, ofrecéndolles a posibilidade de adherirse ao programa para impartir os obradoiros e cursos, en función da demanda e da dispoñibilidade.

O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsable da área de Artesanía e Deseño, Efrén Castro, explicou que “o programa pretende fomentar a presenza da artesanía e dos oficios tradicionais en feiras e actos culturais ou de promoción do territorio e na oferta de actividades formativas ou lúdicas que ofrecen asociacións e colectivos veciñais ao longo do ano”.
O responsable provincial destacou que “a iniciativa amplía o apoio que se ofrece desde a institución provincial a un sector que conserva, difunde e actualiza coñecementos e técnicas que forman parte do noso patrimonio inmaterial e que desenvolve unha actividade económica sostible, ligada ao territorio e ao consumo responsable”.
TIPOS DE ACTIVIDADES
- Demostración: destinada a promover a percepción por parte do público en xeral dun determinado labor artesanal nun contexto de desenvolvemento nunha feira, festa ou outros eventos públicos xeralmente vencellados coa promoción da artesanía.
- Obradoiro: espazo de aprendizaxe e práctica dunha actividade artesanal, interactuando co público nun contexto de desenvolvemento nunha feira, festa ou outros eventos públicos vencellados coa promoción da artesanía.
- Curso: adquisición de coñecementos e habilidades prácticas para desenvolver un oficio artesanal. Teñen unha duración máxima de vinte catro horas, establecéndose un mínimo de tres horas por xornada. O número de alumnas e alumnos oscila entre un mínimo de oito e un máximo de doce.

CURSOS EN MAIO
- AAVV O Cadaval de Pacios - Castro de Rei | Curso de tear | 04, 11, 18 e 25 de maio, de 16:00-19:00 horas | Miriam Fernández Otero
- AAVV de Gondar - Lugo | Curso de cestería | 16, 23 e 30 de maio; 06, 13 e 23 de xuño, de 17:00-21:00 horas | María do Carme Otero Folgueira
- AAVV Calbrava - Benade | Curso de tear | 15, 22 e 29 de maio de 2026; 05 de xuño, de 16:00-19:00 horas | Lourdes Otero Mato
- AAMMRR Andarela – O Corgo | Curso de tear | 15, 22 e 29 de maio; 05 de xuño, de 17:00-20:00 horas | Miriam Fdez. Otero
- AAVV de As Regas - Lugo | Curso de cerámica | 15, 22 e 29 de maio; 05 de xuño, de 17:00-20:00 horas | Iria Pigueiras Vilar
- AAVV San Vicente do Burgo | Curso de cestería | 10 de maio de 10:00-13:00 horas | María Otero Folgueira
Fundación Galicia Obra Social | Curso de cerámica | 12, 19 e 26 de maio, de 16:00-19:00 horas | Sandra Sánchez Pérez
Asociación Cultural Arumes do Corgo | Curso de feltro | 05, 12 e 19 de maio, de 16:00-20:00 horas | Miriam Fernández Otero - AAVV Santiago de Saá en Lugo | Curso de restauración de mobles | 04, 11, 18 e 25 de maio; 01 e 08 de xuño, de 17:00-21:00 horas | María do Carme Otero Folgueira
- AAMMRR A Xuntanza en Ponte Outeiro - Castro de Rei | Curso de torno de madeira | Xoves 07, 14, 21 e 28 de maio e 04 e 11 de xuño, de 19:00-22:00 horas | José Carlos Fernández Yebra
- AAMMRR “Olvido” en Mosteiro - Pol | Curso de coiro | 12, 13, 18 e 20 de maio, de 10:00-14:00 horas | Santiago Besteiro García
- AAMMRR “O Salgueiriño” en Gomeán - O Corgo | Curso de arte floral | Mércores 06, 13, 20 e 27 de maio; 03, 10, 17 e 24 de xuño, de 16:30-19:30 horas | Isabel Pardo Díaz
- AAVV Carballeiras de Bosende | Curso de cerámica | Os luns e mércores 18, 20, 25 e 27 de maio e 01, 03, 08 e 10 de xuño, de 16:00-19:00 horas | María Isabel Carril Quiroga
- AAVV Santa Mariña de Torible - Lugo | Curso de cestería | Os luns 18 de maio; 01, 08, 15 e 29 de xuño e 06 de xullo, de 16:00-20:00 horas | Beatriz Valín López
- AAVV e Propietarios “O Pondelo” Carballido | Curso de arte floral | Os días 25, 26, 27, 28 e 29 de maio e 01, 02 e 03 de xuño, de 17:00-20:00 horas | María del Mar Janeiro Tomé
- AAMMRR “Alfinete” de Benade - Lugo | Curso de traxe tradicional galego | Os martes 12, 19 e 26 de maio e 02 e 09 de xuño, de 16:00-20:00 horas | Carmen López Díaz