A XIII Concentración Moteira de Monterroso reúne a centos de afeccionados ao motociclismo nunha exitosa edición

A XIII Concentración Moteira de Monterroso pechou a súa edición cun balance moi positivo tras congregar a centos de afeccionados ao mundo das dúas rodas nunha xornada organizada polo Motoclube Ó Corte, en colaboración co Concello de Monterroso, a Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo e a Asociación de Grupos Moteros Galegos.
Arredor de 150 moteiros participaron na concentración, á que se sumou un numeroso público que encheu as rúas da localidade para seguir as diferentes actividades programadas ao longo da xornada.
Un dos momentos máis esperados foi a exhibición de Emilio Zamora, piloto e acróbata oficial do Ducati Stunt Team, considerado un dos maiores referentes do stunt en España. Desde que se converteu en piloto oficial de Ducati en 2005, realizou centos de exhibicións tanto a nivel nacional como internacional, participou en eventos de MotoGP e Superbikes e acadou varios récords Guinness, ademais de desenvolver unha intensa labor de promoción do motociclismo acrobático.
A súa actuación polas rúas de Monterroso foi un dos grandes reclamos do evento e congregou a un importante número de espectadores. Tras a cea organizada para os participantes, Zamora ofreceu unha segunda exhibición xa entrada a noite, demostrando novamente a súa habilidade sobre a motocicleta.
A programación completouse con probas de ruído, xogos para os asistentes e unha sesión musical a cargo dun DJ, que puxo o broche final a unha edición que volveu converter Monterroso nun punto de encontro para os amantes do motociclismo.