A XIX Festa da Gaita de Quintá de Cancelada reunirá música tradicional, homenaxes e foliada en Becerreá

A parroquia de Quintá de Cancelada, no concello de Becerreá, acollerá os días 15 e 16 de agosto a XIX Festa da Gaita, unha cita consolidada no calendario cultural da montaña lucense que volverá reunir música tradicional, gastronomía e actividades arredor do folclore galego.
A celebración está organizada pola Asociación Cultural e Deportiva Chao de Sebes e conta coa colaboración da Deputación de Lugo, que achega 6.000 euros para o desenvolvemento do evento. A programación foi presentada na Praza de San Marcos pola deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, acompañada por membros da asociación organizadora e polos grupos de música tradicional Biouteiro e Amigos dos Ancares.
Durante a presentación, García Porto destacou a traxectoria dunha festa que alcanza a súa décimo novena edición e que, durante case dúas décadas, converteu Quintá de Cancelada nun punto de encontro para os amantes da música e das tradicións galegas. Tamén puxo en valor o labor da Asociación Cultural e Deportiva Chao de Sebes por manter viva unha iniciativa que contribúe á conservación e transmisión do patrimonio cultural galego.
Esta edición contará ademais cunha homenaxe especial ao gaiteiro José Antonio Gegúndez, recoñecendo a súa vinculación coa música tradicional galega. A organización quere destacar así a traxectoria dunha persoa que, malia desenvolver a súa carreira profesional como oftalmólogo en Madrid, mantivo sempre unha estreita relación coa interpretación da gaita e coa difusión da cultura galega.
A programación arrancará o sábado 15 de agosto coa celebración do XIX Festival de Música e Cantigas Tradicionais. Ás 13.00 horas terá lugar a recepción dos participantes e ás 14.00 horas celebrarase o xantar popular. As actuacións comezarán ás 15.00 horas e unha hora despois desenvolverase a homenaxe a José Antonio Gegúndez. A partir das 16.30 horas celebrarase unha foliada e o concurso de cantigas, mentres que ás 17.00 horas dará comezo a verbena.
O domingo 16 de agosto celebrarase a tradicional Festa da Gaita. A recepción dos participantes está prevista para as 13.00 horas e o xantar, acompañado dunha degustación de Xata Galega Suprema, terá lugar ás 14.00 horas. Pola tarde, desde as 17.00 horas, sucederanse as actuacións dos músicos e agrupacións asistentes. A programación pecharase ás 22.00 horas cunha verbena e un concurso de baile.