A Xunta abre o prazo do concurso das Letras Galegas 2025 para os centros educativos

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
O certame propón unha exposición que profunde na figura das cantareiras, homenaxeadas na vindeira efeméride, e na poesía popular oral
letras-galegas-cantareiras
28 Oct 2024

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, colaboran unha edición máis no concurso sobre o Día das Letras Galegas dirixido aos centros de ensino público non universitario e que de cara ao ano que vén versará sobre as cantareiras e a poesía popular. Así, a iniciativa convida aos estudantes a elaborar unha exposición centrada na obra, a época e a situación sociolingüística da etapa histórica na que viviron as mulleres que protagonizarán a efeméride en 2025.

Con esta convocatoria, o Goberno galego pretende impulsar a achega da mocidade a esta manifestación da cultura popular, propoñéndolle que profunden na importancia dos cantos e da tradición oral para a lingua galega ao longo da historia e no labor fundamental das mulleres como transmisoras desta riqueza inmaterial, que vai ser recoñecida na próxima celebración das Letras Galegas.

O certame, que implicará tanto a alumnado como a profesorado nun traballo conxunto, establece dúas categorías: unha para educación infantil e primaria e outra que abrangue a secundaria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial. Deste xeito, ademais de potenciar o estudo da época e propiciar unha reflexión sobre a lingua e a sociedade do momento, enriquecendo o seu coñecemento, os participantes tamén terán un premio económico de 2.000€ por categoría.

As solicitudes xa se poden realizar, ata o 23 de xaneiro do ano que vén, a través da sede electrónica da Administración autonómica, mentres que a información máis completa pode consultarse no Portal da Lingua da Xunta.

Letras Galegas 2025

O ano que vén, con motivo do Día das Letras Galegas, renderase homenaxe ás cantareiras Adolfina e Rosa Casás (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía) e ás Pandereteiras de Mens, Manuela Lema Villar, Prudencia e Asunción Garrido Ameijende, de Malpica de Bergantiños.

Adolfina (1912-2009) e Rosa (1913-2005) eran tía e sobriña, coñecidas na contorna pola súa arte como cantareiras e tocadoras. Rosa emigrou a Inglaterra nos 60 e nos anos 80 as dúas volveron xuntarse recobrando o seu xeito de tocar.

Eva Castiñeira (1926-2010) era veciña do lugar de Agranzón en Muxía e cantaba desde pequena nas romerías. Convidada polo grupo Milladoiro, foi a primeira pandereteira en subir a un escenario cun grupo folk, nun concerto celebrado no pavillón de deportes da Coruña.

As Pandereteiras de Mens foron cinco labregas desta parroquia malpicá. Dúas delas (Adela e Teresa) non poden ser homenaxeadas o falecer hai menos de dez anos. Recibirán o recoñecemento Prudencia Garrido (1905-1993) e a súa irmá Asunción Garrido (1915-2007), ademais de Manuela Lema Villar (1913-1993). Cando algunha xa superaba os 80 anos, viaxaron por Europa e América coa súa música acompañando, a partir de 1972, a Agrupación Folclórica Aturuxo.

0.1631760597229