A Xunta activará o día 1 de xuño o sistema de alertas por episodios de calor

O Consello da Xunta de Galicia tomou razón do informe da posta en marcha o vindeiro día 1 de xuño do sistema de alerta temperá de detección de episodios de calor, que estará operativo ata o 30 de setembro e que ten como obxectivo anticipar riscos, mellorar as predicións e protexer a poboación.
Este sistema, que consolida o valor dos recursos de observación atmosférica de MeteoGalicia, permite anticipar episodios adversos adaptándose á nova realidade climática e mellorando a capacidade de resposta das autoridades sanitarias e de emerxencias. Trátase de transformar información científica en acción pública útil, reforzando a capacidade da Xunta para protexer, anticiparse e responder ante os novos desafíos climáticos. De feito, o sistema ten capacidade para detectar situacións máis complexas e adaptadas á realidade climática co uso de datos de alta resolución e análise a nivel municipal.
En concreto, este sistema traballa con valores medios diarios establecidos a partir de valores de referencia en cada un dos concellos galegos. Esta información detallada e precisa é posible grazas á extensa rede de estacións meteorolóxicas que ten na actualidade a Xunta de Galicia, cun total de 160 instalacións deste tipo distribuídas ao longo do territorio.
A partir deses datos, MeteoGalicia emprega un modelo de predición cunha alta resolución con capacidade para prognosticar temperaturas con tres días de antelación. En función desa predición, e avaliando o limiar, notifícanse os avisos –amarelo, laranxa ou vermello-, nos cales se ten en conta tanto a duración do episodio de calor como a súa intensidade.
Se se prevé que se poden superar os valores limiares nalgunha zona, comunícase tanto á Dirección Xeral de Saúde Pública como á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior para que adopten, en cada caso, as medidas incluídas no protocolo de actuación da Xunta fronte aos posibles efectos da altas temperaturas sobre a saúde.
De feito existe o Comité Permanente de Coordinación para as actuacións da Xunta de Galicia fronte aos efectos sobre a saúde das altas temperaturas, composto polas Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes; de Medio Ambiente e Cambio Climático; e de Sanidade, que establecen as principais recomendacións de saúde ante este tipo de episodios, con especial atención aos colectivos máis vulnerables.
Nesa liña, a colaboración entre os servizos meteorolóxicos e as autoridades sanitarias e de emerxencias permite que Galicia teña consolidado un protocolo propio de actuacións fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde cun sistema público de alerta temperá robusto e eficaz. De feito, no verán do pasado ano 2025 activáronse alertas por altas temperaturas en 23 xornadas, incluído un episodio excepcional en que a situación de calor se estendeu ao longo de 16 días consecutivos -do 2 ao 17 de agosto-.
Monitorización de treboadas
A maiores, outra proba do valor e da eficacia da infraestrutura meteorolóxica da que dispón a Xunta de Galicia é a rede de detección de raios, que permite a monitorización en tempo real das treboadas, mellorando a prevención de riscos como incendios forestais ou danos en infraestruturas.
Esta rede está composta por catro estacións, unha en cada en provincia –Mabegondo, na Coruña; Castro de Ribeiras de Lea, en Lugo; Alto do Rodicio, en Ourense, no Campus de Vigo, en Pontevedra-.
Cada sensor da rede está deseñado para detectar e localizar con alta resolución espacial -a precisión de detección media é de 500 metros- os raios que impactan no chan (raios nube-terra) por medio dun sistema de detección de ondas de baixa frecuencia (LF). De feito, cando se produce unha descarga eléctrica ao chan, ademais de luz (lóstrego) e ondas sonoras (trono), emítense tamén ondas LF.
A posición do impacto determínase cando polo menos dous dos sensores detectan a descarga eléctrica. Polo tanto, canto maior sexa o número de sensores que a detectan, maior será a precisión. Nese senso, cómpre indicar que o sistema permite detectar cuantitativamente os raios nube-terra cunha precisión superior ao 90 %.
A información proporcionada por esta rede xoga un papel importante na predición a curto e moi curto prazo de fenómenos meteorolóxicos severos, representando tamén unha ferramenta de particular interese para a protección civil, seguros, servizos de detección de incendios, de subministración enerxética e telecomunicacións.
Durante 2025 detectáronse en Galicia 16.076 raios, sendo o sexto ano con menos raios desde 2011. O mes con máis aparato eléctrico foi maio, cando se rexistraron 5.882 raios con 13 xornadas tormentosas. En canto á distribución xeográfica, a provincia máis afectada foi Lugo, onde caeron 7.400 raios, o que supón o 46 % do total de toda Galicia.