A Xunta anuncia un incremento do 5,4 % dos orzamentos na provincia de Lugo para 2027

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Os deputados lucenses do PP valoran que “a Xunta aposte por non facer caixa á vista da realidade das familias e empresas” mentres que “o Goberno de Sánchez leva anos facendo o contrario”
deputados-autonomicos-pp-lugo
21 Oct 2026

Os deputados do Partido Popular no Parlamento de Galicia poñen en valor o incremento do 5,4% dirixido á provincia de Lugo de forma directa dos Orzamentos da Xunta para o 2027 ata alcanzar os preto de 2.000M€ -1.967M€- “principalmente, para eidos estratéxicos, avanzar en compromisos coa provincia -como a vivenda para a que se duplica o investimento- e reforzar os servizos públicos”.

O proxecto de orzamentos demostra, para os populares, que “a sanidade, a educación e a política social son as prioridades do Goberno galego” toda vez que supoñen 3 de cada 4 euros de gasto dos máis de 15.000M€ de orzamento superando os 11.000M€, máis dun 7% máis que no 2026.

Os deputados lucenses do Grupo Popular no Parlamento de Galicia subliñan, polo tanto, o “compromiso do Goberno galego cos servizos públicos” á vista deste “novo reforzo” que recolle as subidas salariais do persoal médico, a incorporación de novos docentes e o reforzo da atención á diversidade en Educación -que a Xunta ofrece de forma gratuíta en todas as etapas- ou o incremento do prezo da hora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) acordado coa FEGAMP.

E inciden tamén en que, “dende o realismo, a Xunta de Galicia ten en conta outros retos actuais como a vivenda ou a suba dos custes para familias e empresas”. Así, inciden en que “a Xunta está a cumprir os compromisos anunciados en materia de construción de vivenda pública, mentres o Goberno de Sánchez incumpriu os seus propios anuncios porque non construíu nin unha soa. E aínda por riba, aproba coas Cortes Xerais disoltas uns decretos intervencionistas que, en lugar de servir para aumentar a oferta de vivenda dispoñible, están a provocar que se retiren inmobles do mercado de alugueiro”.

E engaden que o Goberno galego presenta os seus orzamentos, un ano máis, “en tempo e forma para que estean en vigor o 1 de xaneiro do próximo ano” mentres que o Goberno en España liderado polo PSOE e apoiado polo BNG non foi capaz de presentar sequera un proxecto de Presupostos Xerais do Estado durante a última lexislatura “paralizando o impulso socioeconómico, investimentos e obra nova no país”.

Así, poñen de relevo “a estabilidade do Goberno de Alfonso Rueda centrado en atender as necesidades dos galegos, ante un Goberno en España que estivo centrado nos casos de corrupción que rodean ao PSOE e en tratar de contentar aos seus socios independentistas”.

A Xunta propón unha rebaixa para os catro primeiros tramos do IRPF cos que aliviar as cargas fiscais ás rendas máis baixas. O proxecto de orzamentos para o 2027 tamén recolle unha rebaixa do Imposto de Actos Xurídicos Documentados para favorecer a construción e adquisición de vivendas e aumentar as rebaixas fiscais no Imposto de Sucesións para facilitar o relevo xeracional.

Os populares valoran que “o Goberno da Xunta teña en conta a realidade das familias e do tecido produtivo de Galicia e aposte por non facer caixa; todo o contrario do que vimos sufrindo nos últimos anos con Sánchez no Goberno de España que, aínda por riba, discriminando a Galicia e moi claramente a Lugo, particularmente, en materia de infraestruturas”.

INCREMENTO DE PARTIDAS PARA O AVANCE DE PROXECTOS

A provincia de Lugo é a que rexistra un maior incremento no investimento en materia de Augas -máis dun 42%- contemplando para o 2027 fondos dirixidos á mellora do abastecemento en Ribadeo e Trabada – 4M€-, Baralla -1,63M€-, Castro de Rei e Friol e do saneamento e depuración en Burela -2,66M€-, Outeiro de Rei – 2,55M€-, Portomarín – 2,5M€-, Foz -1,35M€-, Pantón e Esperante (Lugo).

O orzamento que o departamento de Medio Rural reserva de forma directa para a provincia para o vindeiro ano medra case un 29% dirixido, principalmente, a procesos de reestruturación parcelaria, mellora de camiños e infraestruturas rurais e prevención e defensa contra incendios -o dobre que o ano anterior nos dous últimos casos- incluíndo unha actuación específica na base de Doade (Sober) que suporá 2M€. Ademais, a tendencia histórica é que Lugo concentre o 50% dos importes das axudas á incorporación de mozos e plans de mellora para os que contemplan 44M€.

En materia de vivenda, a Xunta incrementa nun 18% o investimento na provincia para este 2027 reservando preto de 74M€ dos que preto de 62M€ se dirixen a solo residencial -1,7M€ en Lugo e Ribadeo- e á construción de vivenda pública -60M€ en Lugo-. O proxecto de Orzamentos tamén contempla fondos para o programa de rehabilitación de vivendas no rural da provincia.

E, na mesma porcentaxe, se incrementa o investimento de Portos de Galicia na provincia: un 18%. Á licitación das obras de mellora do abrigo do porto de Morás (Xove) dirixe 4,6M€, a catro obras en Viveiro no 2027 – 2M€ dun total de 4M€-, máis de 200.000 euros para a renovación do acceso ao porto de San Cibrao (Cervo) e 121.000 euros no 2027 para a nave de almacén de caixas en Burela -dun total de 1M€-.

En materia de infraestruturas, as contas do Executivo autonómico incrementáronse en preto dun 3% na provincia de Lugo ata alcanzar os preto de 52M€ dirixidos a seguir avanzando nas obras do corredor entre Nadela e Sarria -7,85M€-, a VAC Costa Norte e o inicio da execución da variante de Viveiro -3,5M€-, o acondicionamento da LU-231 entre Begonte-Friol-Palas de Rei -2M€- ou o reforzo do firme nas estradas autonómicas -19M€-. E os fondos para a creación de sendas para fomentar a mobilidade sostible increméntase máis de 2,3M€ ata alcanzar os 4,15 na provincia.

En materia de infraestruturas sanitarias, os orzamentos contemplan 12,3M€ para as obras do Plan Director do Hospital Público da Mariña e tamén dotan de crédito o equipamentos dos centros hospitalarios – acelerador lineal para o HULA- e dos centros de Atención Primaria, avanzar no Plan Director do Hospital Comarcal de Monforte e en obras de diversos centros de saúde: Antas de Ulla, Becerreá, Pantón, Outeiro de Rei, Ribadeo e Lugo -Milagrosa e Sagrado Corazón-.

Os orzamentos tamén prevén partidas económicas para facer fronte a outros compromisos como a ampliación de parques empresariais con 5,6M€ -Palas de Rei, O Corgo, Xove, A Pontenova, As Gándaras (Lugo) e Meira-, a recuperación de zonas afectadas polos incendios no verán do 2025 na Ribeira Sacra, a rehabilitación do colexio de Nadela (Lugo), a ampliación e mellora do IES Muralla Romana (Lugo), do CEIP Laverde Ruiz (Outeiro de Rei) e do IES María Sarmiento (Viveiro) e a continuación das obras no CEIP Frei Luís de Granada de Sarria ou o apoio ao Campus de Lugo.

Así mesmo, contemplan a continuación das obras nas residencias ds Gándaras e da Milagrosa (Lugo), a posta en marcha dunha Unidade de Atención Temperá en Viveiro e outra en Ribadeo, a adecuación da protectora de animais de Lugo, actuacións en albergues e no Camiño de Santiago, a reforma do Anxo Carro, actuacións na Catedral de Lugo, a renovación do Albergue Xuvenil de Viveiro, melloras en estacións de autobuses como da de Lugo, infraestruturas culturais en Sarria, Friol e Rábade ou obras nos xulgados de Lugo, Vilalba e Viveiro.

FAMILIAS, CONCELLOS E TECIDO PRODUTIVO E ASOCIATIVO

Os deputados autonómicos do Partido Popular lembran que “terán importante impacto para os lucenses” as axudas da Xunta de Galicia e apoios moi demandados polas familias -gratuidade das escolas infantís, comedor e material escolar e Bono Concilia...- maiores e dependentes -Bonos de Dependencia, Bono Coidado no Fogar e avances no novo Plan de Residencias para dotar de máis prazas á provincia-, mozos e mozas -tarxeta de transporte Xente Nova, Bono Emancípate...-, emprendedores, gandeiros, comerciantes, autónomos, entidades deportivas -2,11M€- e culturais.

E destacan tamén a colaboración da Xunta cos Concellos cun incremento de máis do 8% -máis que a media dos Orzamentos para o 2027- do Fondo de Cooperación Local ata superar os 200M€ -203M€- en Galicia. Ademais, os concellos lucenses disporán de 5,5M€ das liñas de axudas para potenciar a súa Administración local.

Así mesmo, lembran que a Xunta achegará preto de 37M€ aos Concellos da provincia para contribuír ao financiamento da prestación do SAF cumprindo o compromiso acadado coa FEGAMP de subir a súa achega no ano 2027 ata os 17€/hora.

0.158371925354