A Xunta aproba o plan para a ampliación do parque empresarial de O Corgo

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental con condicións a proxecto para ampliar o parque empresarial do Corgo, que promove Xestur.
Segundo conclúe o informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, non son previsibles efectos adversos significativos na contorna derivados dos proxectos sempre que no seu desenvolvemento se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental e na restante documentación analizada como na propia resolución autonómica.
Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública ao tempo que foron consultados os organismos interesados. Froito desas consultas, as entidades realizaron a súa valoración e fixaron condicionantes que se engaden aos incluídos no programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
Neste sentido, esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde; da auga e dos leitos fluviais; da fauna e da vexetación e outros valores naturais; do solo e das infraestruturas; do patrimonio cultural, así como a xestión de residuos e a integración paisaxística e restauración.
Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo e daráselle publicidade tamén a través do Diario Oficial de Galicia e da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
Este proxecto pretende a ampliación do parque empresarial do Corgo, supoñendo a ocupación de máis de 203.000 metros cadrados anexos ao polígono industrial existente na actualidade. Desa superficie, destinaranse máis de 118.000 metros cadrados a uso industrial; 35.000 metros cadrados a espazos libres e zonas verdes; preto de 23.300 metros cadrados a outras zonas libres; 2.700 metros cadrados a equipamentos e preto de 24.000 metros cadrados a viario e aparcadoiro.