A Xunta completa o reforzo da cobertura móbil coa posta en servizo da antena de San Pedro de Mera

A Xunta de Galicia deu por rematado o reforzo das comunicacións móbiles na zona rural do municipio de Lugo coa entrada en funcionamento da terceira e última antena instalada con este obxectivo. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que esta semana comezou a operar a torre situada en San Pedro de Mera, que se suma ás de Gondar e Santa María Alta, activas desde o pasado mes de novembro.
O Goberno galego destinou un total de 700.000 euros á execución destas infraestruturas, que permiten mellorar a cobertura de telefonía móbil nunha quincena de núcleos rurais do concello. No caso da antena de San Pedro de Mera, o seu ámbito de influencia abrangue Bacurín, Carricova, O Burgo, O Hospital, San Pedro de Abaixo, San Pedro de Arriba e Cabanas, mentres que a de Santa María Alta beneficia as localidades de Locai, Marcoi, Riobó, Vilariño e Torible.
As tres antenas forman parte dunha iniciativa da Xunta dirixida a reforzar as redes de telefonía móbil en núcleos rurais e illados. Javier Arias lembrou que as competencias en materia de telecomunicacións corresponden ao Estado, pero subliñou que se detectou a necesidade de mellorar a calidade do servizo en zonas que, polas súas condicións xeográficas ou demográficas, non estaban suficientemente atendidas. Trátase, segundo indicou, dunha medida excepcional que requiriu autorización da Comisión Europea, concedida no ano 2021.
No marco deste programa, a Xunta encargou á empresa pública Retegal a execución das infraestruturas e puxo en marcha un proceso de subvencións en réxime de concorrencia competitiva dirixido aos operadores interesados en prestar o servizo. Ademais, o Goberno galego traballou de maneira coordinada cos concellos beneficiarios para localizar e validar as parcelas necesarias para a instalación das antenas, que foron cedidas polos seus propietarios, tanto de titularidade pública como privada.