A Xunta concede preto de 75.000 euros para melloras en camiños rurais de Cervantes

A Xunta de Galicia destinará un investimento de 74.370 euros á execución de melloras en diferentes camiños rurais do municipio de Cervantes. Os fondos permitirán acometer actuacións orientadas ao reforzo do firme e á renovación da sinalización en distintas vías do concello.
As intervencións previstas centraranse nos camiños rurais das zonas de Extremar, San Rebordín e Os Picos, co obxectivo de mellorar as condicións de circulación e reforzar a seguridade nestas infraestruturas utilizadas habitualmente pola veciñanza.
Desde o Partido Popular de Cervantes sinalaron que continúan desenvolvendo o seu labor desde a oposición co propósito de impulsar actuacións e investimentos que repercutan na mellora da calidade de vida dos veciños do municipio.
A formación destacou que esta actuación evidencia a importancia de manter iniciativas e realizar xestións para canalizar investimentos cara ao territorio, incidindo na necesidade de continuar defendendo proxectos e actuacións que permitan mellorar os servizos e infraestruturas locais.