A Xunta construirá 1.200 vivendas protexidas e libres no barrio do Sagrado Corazón de Lugo

LugoXa
Esta proposta enmárcase na primeira fase da Estratexia Galega de Solo Residencial e suporá dotar ao barrio do Sagrado Corazón de nova vivenda promovida parte desta por construtores privados
Sagrado-Corazón-vivenda-Xunta
28 Nov 2024

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, reuniuse co presidente da Asociación de veciños do Sagrado Corazón, Alfonso Ibias, para explicarlle como se vai desenvolver o plan do Goberno galego de urbanizar 120.000 metros cadrados de solo neste barrio lucense para construír 1.200 vivendas protexidas e libres.

Esta proposta enmárcase na primeira fase da Estratexia Galega de Solo Residencial e suporá dotar ao barrio do Sagrado Corazón de nova vivenda, tanto libre como protexida, promovida parte desta por construtores privados, que sairá ao mercado en réxime de venta e de alugueiro. Un 25 % da vivenda para venta e o 40 % da destinada a alugueiro reservarase para menores de 36 anos.

O delegado territorial explicou que a tramitación do solo se fará a través de Proxectos de Interese Autonómico (PIA), “o que permitirá aproveitar solo sen desenvolver e axilizar os trámites administrativos para acadar unha execución máis rápida”. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas anunciou onte que a redacción destes proxectos se licitará o vindeiro venres, por importe total de 2,6 millóns de euros para facilitar solo para máis de 15.000 vivendas en toda Galicia.

Na xuntanza quedou de manifesto unha vez máis o compromiso da Xunta co Sagrado Corazón, onde se están a realizar importantes investimentos, como os 4,2 millóns de euros que se destinaron á construción dun colexio de vangarda no barrio ou a proposta de creación do futuro centro de saúde.

Ao respecto, Arias lembrou que a Xunta propuxo dende o primeiro momento, tamén en reunións con representantes municipais, urbanizar toda a parcela do antigo colexio para edificar o centro de saúde e crear unha praza e zona verde aberta á igrexa e á contorna, que resolvía ademais problemas de accesibilidade dos edificios próximos.

“Agardamos reconducir a situación co Concello e poder construír por fin este centro de saúde para o beneficio dos actuais veciños e veciñas do Sagrado Corazón e pensando tamén nas novas necesidades que se presentarán coa construción destas vivendas de promoción pública”, dixo Arias.

O delegado territorial e o representante do colectivo veciñal acordaron convocar para o luns, 9 de decembro, unha reunión cos veciños e veciñas do Sagrado Corazón co obxectivo de informalos de primeira man sobre os proxectos previstos para o barrio, principalmente a construción destas novas vivendas públicas a prezos accesibles que suporán un importante impulso para a zona.

0.17018508911133