A Xunta de Goberno Local de Lugo licita a programación dos centros de convivencia

A Xunta de Goberno Local aprobou a licitación do contrato da programación dos centros de convivencia, poñendo fin a unha situación na que o servizo viña prestándose cun contrato caducado desde había máis de dous anos.
O novo contrato prevé un investimento total de 2.724.849,92 euros, o que permitirá ampliar os recursos destinados á programación sociocultural e consolidar unha oferta estable de actividades nos centros de convivencia da Milagrosa, Fingoi, Leiras Pulpeiro, Sagrado Corazón, Uxío Novoneira, Maruja Mallo, María Balteira e Abella, así como no Centro Interxeracional Paco Martín.
A nova contratación contempla un volume de 28.668 horas anuais de actividade, das que 16.056 horas estarán destinadas á dinamización diaria dos centros de convivencia, 10.870 horas corresponderán a obradoiros, aulas abertas para menores e outras actividades socioculturais, e 1.742 horas dedicaranse á coordinación do servizo. Ademais, inclúe a organización de 10 saídas culturais ao ano.
A programación desenvolverase ao longo de todo o ano e incluirá actividades culturais, educativas, de promoción da saúde, envellecemento activo, intercambio interxeracional, conciliación familiar, dinamización dos barrios, aulas abertas para menores, xogos, bailes, lectura, saídas culturais e actividades de sensibilización e participación comunitaria.
O servizo está dirixido ao conxunto da poboación, aínda que presta especial atención ás persoas maiores, ás persoas con capacidades diferentes, ás familias, á infancia e aos colectivos en situación de maior vulnerabilidade, convertendo os centros de convivencia en espazos de encontro, participación e cohesión social.
Este contrato supón pasar dun investimento anual de 278.579 euros repartido en dous contratos separados a unha licitación única de 576.410 euros anuais, ademais de incrementar en máis de 10.000 horas anuais a actividade nos centros.
No apartado de persoal e licenzas, a Xunta de Goberno Local tamén abordou o reforzo de persoal técnico co nomeamento dun funcionario de carreira na categoría de enxeñeiro de Camiños, mediante promoción interna, reforzando así a estrutura técnica municipal.
No ámbito urbanístico, aprobouse a concesión de tres licenzas que afectan a un total de 123 vivendas e supoñen uns ingresos para as arcas municipais de 270.000 euros. Trátase da segunda fase da transformación de oficinas en seis vivendas na Avenida da Coruña, da construción dun edificio de 57 vivendas na parcela A-7 do sector Sur-K no Paseo dos Estudantes, que inclúe soto para trasteiros e aparcamento, planta baixa para local sen uso, aparcamento, trasteiro e acceso, e sete plantas altas máis ático para vivendas, e dun terceiro edificio de 60 vivendas na parcela M-4 do mesmo sector Sur-K na rúa Montirón, con dúas plantas de soto para trasteiros e aparcamentos, planta baixa para locais sen uso, oito plantas altas e ático.
No ámbito da colaboración con outras administracións, aprobouse o texto do convenio coa Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para axilizar a construción do parque canino en Fontiñas. A Xunta asumirá o financiamento, que ascende a 140.000 euros, así como a execución das obras, mentres que o Concello porá os terreos á disposición e asumirá o seu mantemento posterior.
Tamén se deu o visto bo ao convenio entre o Concello de Lugo e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia, que permitirá achegar exposicións itinerantes. A primeira delas, titulada «¿Botamos un baile?», poderá visitarse na Praza Maior entre o 13 de xullo e o 30 de agosto e propón un percorrido por máis dun século de historia das orquestras de verbena en Galicia, poñendo en valor a súa evolución e o seu papel na memoria cultural colectiva.