A Xunta destaca investimentos en emprego, infraestruturas e servizos no Corgo

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, mantivo unha reunión institucional co alcalde do Corgo na que ambas partes analizaron a colaboración da administración autonómica na mellora de servizos e infraestruturas do municipio, así como distintas actuacións actualmente en marcha.
Entre os proxectos destacados durante o encontro, Villares fixo referencia ao obradoiro dual de emprego Ponte de Areas VIII, posto en funcionamento recentemente e promovido polos concellos do Corgo, Guntín e O Páramo. Esta iniciativa conta cun financiamento de 454.552 euros por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e permitirá, durante un período de nove meses, a formación de 20 persoas desempregadas na especialidade de Operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización.
Ao mesmo tempo que reciben formación teórica e práctica, os participantes tamén adquirirán experiencia laboral mediante un emprego remunerado e a realización de actuacións en servizos e espazos públicos. No caso concreto do Corgo, os traballos previstos inclúen a mellora da contorna da antiga escola de Franqueán, a construción de beirarrúas en San Xoán do Corgo e a creación dunha área de estacionamento destinada a autocaravanas.
O delegado territorial tamén avanzou a próxima adxudicación das obras de reforzo do firme en 7,4 quilómetros da estrada LU-546, unha actuación que contará cun investimento de 773.700 euros. Entre os tramos previstos para a súa mellora inclúense preto de dous quilómetros situados dentro do municipio do Corgo, concretamente entre os puntos quilométricos 10 e 11,960.
No ámbito social, Villares sinalou que a Xunta destina ao Servizo de Axuda no Fogar do municipio un total de 343.214 euros. Ademais, financia arredor dun centenar de bonos Coidado no Fogar, cun importe global de 495.000 euros, así como o funcionamento da Casa Niño e a colaboración no mantemento do Punto de Atención á Infancia.
Durante a reunión tamén se puxeron en valor outras actuacións realizadas no municipio, entre elas os máis de 88.000 euros investidos na mellora de camiños rurais durante o pasado ano, os 299.800 euros asignados a través do Fondo de Cooperación Local e os apoios destinados á contratación de tres traballadores mediante o programa Aprol Rural, cun orzamento de 58.800 euros.