A Xunta destina 2,2 millóns para un novo acelerador lineal no HULA

LugoXa
Sanidade aposta por tecnoloxía avanzada e amplía a atención domiciliaria para pacientes oncolóxicos en Lugo
hula-hospital-lugo
2 Nov 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, anunciou que os Orzamentos da Xunta para 2026 incluirán unha partida de 2,2 millóns de euros destinada á adquisición dun novo acelerador lineal para o servizo de radioterapia do Hospital Universitario Lucus Augusti. O equipo, que se licitará no primeiro trimestre do ano, substituirá a un dos dous dispositivos que xa están en funcionamento no complexo sanitario lucense.

Gómez Caamaño realizou esta comunicación durante unha visita ás áreas de radioterapia e oncoloxía do HULA, na que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e polo xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares. O titular de Sanidade subliñou que o Goberno galego continúa apostando pola modernización dos recursos sanitarios, e avanzou que o departamento que dirixe está a deseñar un plan para renovar o equipamento tecnolóxico dos hospitais do Servizo Galego de Saúde.

O conselleiro destacou que unha das prioridades da Xunta é mellorar o benestar dos pacientes, reducindo desprazamentos e interferencias nas súas rutinas. Neste sentido, salientou a experiencia piloto desenvolvida polo servizo de oncoloxía entre abril e agosto, que posibilitou atender 16 persoas nas súas casas e administrar arredor de 140 doses. Esta medida permitiu aumentar a comodidade das persoas tratadas, favorecer a conciliación familiar e minimizar os riscos asociados a contornas hospitalarias.

A partir do 15 de novembro, o Sergas incorporará esta atención domiciliaria como prestación estable no HULA, coa previsión de tratar ata dez pacientes ao día.

Durante o acto, Gómez Caamaño puxo en valor o labor dos profesionais da área oncolóxica de Lugo, que impulsan un modelo centrado na humanización dos coidados. Entre as accións que se están a desenvolver, salientou un programa formativo dirixido a pacientes e coidadores con 18 sesións sobre hábitos saudables e exercicio, así como a mellora dos espazos asistenciais, con 24 postos de tratamento e zonas máis amplas e confortables.

O conselleiro tamén destacou o modelo de atención descentralizada que permite aos oncólogos do HULA desprazarse aos hospitais de Burela e Monforte de Lemos, garantindo igualdade no acceso ao tratamento con independencia do lugar de residencia. Para concluír, agradeceu o compromiso dos profesionais da área sanitaria, aos que atribuíu o avance continuo na calidade do sistema sanitario galego.

⚙ Configurar cookies
0.071272850036621