A Xunta di que a asistencia sanitaria en Pol está garantida coa atención de proximidade

Pol
LugoXa | TerraChaXa
De acordo cos datos asistenciais do Servizo Galego de Saúde, na actualidade a demora máxima para unha cita neste municipio sitúase en 2 días
manifestaacion-sanidade-publica-pol
24 Apr 2026

O director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, remarcou no Parlamento de Galicia que a calidade e continuidade da asistencial no concello de Pol está garantida grazas ao modelo de proximidade que caracteriza ao sistema sanitario público galego.

No marco da Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego, o responsable autonómico apuntou que o servizo funciona con total normalidade e que, tanto a atención das urxencias, como da actividade programada están plenamente garantidas.

Durante a súa intervención, Alfredo Silva explicou que tras a xubilación dun dos facultativos do centro de saúde -a finais de marzo-, a Xunta activou de inmediato os mecanismos de cobertura da asistencia.

Así, nestes momentos ese cupo estase a cubrir varios días á semana mediante prolongacións de xornada, mentres que o resto do tempo a atención complétase con intersubstitucións doutra profesional do centro.

De acordo cos datos asistenciais do Servizo Galego de Saúde, na actualidade a demora máxima para unha cita neste municipio sitúase en 2 días.

Xunto co anterior, o director xeral subliñou que a praza vacante ofertaráselles aos novos especialistas que rematan agora a súa formación e que será incluída nos vindeiros procesos selectivos.

O centro de saúde de Pol atende unha poboación de aproximadamente 1.300 tarxetas sanitarias. Conta con dúas prazas de medicina de familia, dúas de enfermería e un profesional administrativo.

As ratios deste centro de saúde sitúanse entre as 600 e 700 tarxetas por facultativo, unha cifra inferior á media habitual que permite unha atención máis próxima e personalizada.

Ademais, o municipio de Pol tamén conta con atención pediátrica asegurada, a través dunha praza de área compartida, con atención urxente a través do PAC de Meira, e co importante reforzo que representan os Equipos de Soporte de Atención Domiciliaria (ESAD).

O director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde puxo en valor esta xestión nun contexto global de déficit de médicos de familia que afecta a todo o Estado.

"Galicia está a facer unha aposta real pola atención primaria e polo rural", afirmou, lembrando que a área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte conta este ano cun orzamento de 701 millóns de euros, un 3,9 % máis que o exercicio anterior.

Finalmente, reiterou o compromiso da Xunta coa atención sanitaria máis próxima á cidadanía, lembrando a futura creación dunha nova Dirección Xeral de Atención Primaria, coa que se avanzará cara a un modelo máis resolutivo e adaptado á realidade demográfica do territorio galego.

0.13564419746399