A Xunta e as universidades galegas reforzan o acompañamento psicolóxico ao estudantado

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras, o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, e a reitora da Universidade de Vigo, Carmen García Mateo, asinaron hoxe un convenio de colaboración para reforzar o acompañamento psicolóxico aos estudantes. Este acordo, dotado con 60.000 euros, dá continuidade ao xa asinado en 2025, un ano no que se os dispositivos de acompañamento psicolóxico das universidades públicas galegas atenderon 370 alumnos.
No acto de sinatura, no que tamén estiveron presentes o director xeral de Integración e Innovación Asistencial do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, e a subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental, Almudena Díaz, o conselleiro de Sanidade situou a saúde mental como asunto prioritario para o Goberno galego e celebrou a implicación tamén das tres universidades públicas galegas.
Gómez Caamaño lembrou que o primeiro paso da colaboración neste eido permitiu a elaboración o ano pasado dun protocolo común de acompañamento psicolóxico, afrontando neste ano 2026 a súa implantación e avaliación.
A través desta cooperación entre o Servizo Galego de Saúde e as tres universidades públicas Galicia adiántase á disposición dos mecanismos de atención psicolóxica que esixe o novo Estatuto do Estudantado Universitario. Esa normativa recoñece expresamente o dereito do alumnado á atención psicolóxica gratuíta e accesible e á coordinación cos servizos públicos de saúde, así como a obriga a dispoñer cun protocolo destas características.
Tal e como sinalou o conselleiro de Sanidade, o obxectivo é que o estudantado poida acceder a unha atención psicolóxica próxima e que exista unha coordinación efectiva cos recursos sanitarios cando precisen unha atención especializada.
Gómez Caamaño indicou que a universitaria é unha etapa de importantes cambios persoais, académicos e vitais. É tamén un momento no que poden aparecer situacións de vulnerabilidade emocional, ansiedade ou outras dificultades que, se non se detectan e abordan a tempo, poden afectar ao benestar e ao desenvolvemento persoal dos estudantes.
Por iso, resaltou a importancia a este protocolo común que conta con mecanismos de prevención, acompañamento e detección temperá. De acordo co requirido na nova normativa estatal, o Servizo Galego de Saúde e as tres universidades continuarán a traballar para dotarse dun procedemento específico para a prevención e a intervención ante condutas suicidas.
Fronte a respostas illadas, Gómez Caamaño agradeceu a colaboración das universidades galegas para reforzar os programas de prevención de suicidio e a coordinación entre os dispositivos asistenciais, na liña do establecido no Plan estratéxico de saúde mental de Galicia 2026-2030. A ese respecto, sinalou que esa folla de ruta recentemente aprobada concede unha especial importancia ao benestar emocional da mocidade, así como á atención á conduta suicida.