A Xunta e o Clúster da Saúde de Galicia impulsan a competitividade da biotecnoloxía galega

GaliciaXa | LugoXa
O convenio, dotado con 350.000 euros ata 2027, busca reforzar a innovación, a transferencia de coñecemento e a proxección internacional do sector biotecnolóxico galego
Convenio-Cluster-Sanidade-Xunta-Lugo
27 May 2026

A Xunta de Galicia e o Clúster da Saúde de Galicia uniron esforzos para promover a excelencia e mellorar a competitividade do sector biotecnolóxico galego, coa finalidade de fortalecer a súa posición no ámbito internacional.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, e a presidenta do Clúster da Saúde de Galicia, Rocío Mosquera, asinaron un convenio de colaboración para situar Galicia como un referente en biotecnoloxía.

O acto desenvolveuse nas instalacións do Grupo AMSLab, en Lugo, exemplo do avance da investigación, desenvolvemento e innovación no conxunto do territorio galego. Na sinatura tamén participaron o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, o xerente do Clúster da Saúde de Galicia, Iván Rarís, e o CEO do Grupo AMSLab, Manuel Lolo.

O acordo contará cun investimento de 350.000 euros ata o ano 2027 e contempla un programa de actividades que o Clúster da Saúde desenvolverá en colaboración coa Axencia Galega de Innovación para reforzar a competitividade e a transferencia de coñecemento ao tecido empresarial. Este novo período dá continuidade a un convenio anterior de tres anos e inclúe accións de vixilancia tecnolóxica e de mercados para incrementar as capacidades de transferencia e dinamización das empresas e entidades galegas, así como a detección de oportunidades de financiamento e a participación en proxectos nacionais e internacionais relacionados coa saúde. Ademais, prestarase apoio ao tecido produtivo para facilitar a adaptación á intelixencia artificial.

Entre as iniciativas previstas figuran dous estudos estratéxicos sobre ecosistemas internacionais de referencia no ámbito tecnolóxico co obxectivo de avaliar o valor que poden achegar a Galicia. Tamén se organizarán catro misións internacionais baixo o modelo Learning Expedition (LEX), destinadas a formalizar acordos e analizar o seu impacto.

O convenio inclúe igualmente a promoción dos premios RIES para dar visibilidade ás mellores prácticas, proxectos e entidades que fomentan a innovación, a transferencia e o impacto social nos ámbitos da saúde e da biotecnoloxía en Galicia. Outra das accións previstas será reforzar a presenza institucional e a proxección exterior da comunidade mediante a marca Galiicia, the best way in biotechnology.

A evolución do sector biotecnolóxico constitúe un dos piares da investigación, a ciencia e a innovación feitas en Galicia. Este acordo enmárcase no programa Ciencia Empresa, destinado a apoiar a investigación empresarial e a transferencia de coñecemento cara ás pequenas e medianas empresas. Neste contexto, o Goberno galego está a preparar a Estratexia de excelencia da biotecnoloxía en Galicia 2026-2030, que presentará proximamente para responder aos retos establecidos no Plan galego de investigación e innovación 2025-2027, no que a biotecnoloxía figura como un dos ámbitos prioritarios.

Tras a sinatura do convenio, Román Rodríguez realizou unha visita polas instalacións de AMSLab e polas principais áreas do laboratorio. Durante o percorrido coñeceu as capacidades, tecnoloxías e liñas de traballo desta compañía especializada en biotecnoloxía, que ofrece solucións innovadoras desde o ano 2008. A empresa centra a súa actividade na análise e control de calidade, investigación, fabricación e desenvolvemento de produtos destinados aos sectores agroalimentario, veterinario, farmacéutico e sanitario, todo baixo unha visión One Health, baseada nun enfoque integrador entre distintas disciplinas.

O conselleiro destacou o papel de AMSLab como actor relevante no sector biotecnolóxico galego, con case dúas décadas de especialización. “Entidades e compañías como esta, punteiras no seu ámbito e cunha ampla capacidade de internacionalización, son os piares da Galicia Calidade e a demostración de que a nosa investigación, desenvolvemento e innovación se realiza desde diferentes puntos da xeografía galega”, sinalou.

0.11855792999268