A Xunta Electoral abre un expediente sancionador a Elena Candia por unha visita ás obras do Ceao

A Xunta Electoral de Zona de Lugo acordou abrir un expediente sancionador á alcaldesa, Elena Candia, tras unha denuncia presentada polo Partido Socialista. Segundo a resolución, a visita da dirixente do PP ás obras do aparcadoiro disuasorio do Ceao o pasado 14 de outubro e a posterior difusión dunha nota de prensa institucional vulneraron a normativa electoral ao promocionar a xestión do Goberno local e incluír críticas ao anterior executivo municipal.
O organismo electoral considera que tanto a visita como a comunicación foron "organizadas y financiadas con fondos públicos" e cualifica os reproches ao anterior goberno de "claramente contrarios á debida neutralidade". A resolución conclúe que as actuacións incumpriron os artigos 50.2 e 50.3 da Lei Electoral, que regulan a neutralidade dos poderes públicos e limitan a difusión de logros de goberno durante o período electoral.
Ademais de incoar o expediente sancionador, a Xunta Electoral ordena retirar de inmediato a nota de prensa da páxina web municipal e require a Candia que se absteña de realizar actuacións similares ata a celebración das eleccións.
O PSdeG considera que a decisión avala a súa denuncia. A integrante da executiva local Ángeles Novo sostén que "Candia utiliza o Concello como unha extensión da sede do Partido Popular" e lembra que a actuación do aparcadoiro procedía da xestión do anterior goberno socialista, encabezado por Miguel Fernández.
A resolución tamén rexeita os argumentos empregados para xustificar a visita. Candia defendeu que se trataba dun percorrido técnico para comprobar o estado das obras e que non se celebrara ningunha inauguración oficial. Porén, a Xunta Electoral considera que non é necesario inaugurar formalmente unha infraestrutura para incumprir a normativa electoral.
O organismo cuestiona, ademais, que a visita se realizase despois da convocatoria electoral e sinala que non se xustificou a necesidade de facela nese momento nin de difundila a través dunha nota de prensa institucional.
Días despois da publicación inicial, Candia modificou a nota de prensa para eliminar as críticas aos anteriores gobernos municipais. Con todo, a Xunta Electoral considera que esa rectificación non elimina a posible infracción e sinala que a versión modificada seguía incluíndo referencias a outros proxectos municipais sen unha xustificación suficiente no período electoral.
" A neutralidade institucional non é unha recomendación, é unha obriga legal. Candia non debe poñer nin os cartos da veciñanza lucense nin o Concello ao servizo dos intereses electorais do PP", afirmou Ángeles Novo.
O PSdeG anunciou que continuará vixiando o cumprimento da lexislación electoral e que actuará ante novos intentos de utilizar recursos públicos con fins partidistas.
CONTESTACIÓN DESDE O CONCELLO DE LUGO
O Concello de Lugo presentou un recurso ante a Xunta Electoral Provincial contra o acordo do pasado 22 de outubro relativo á visita de Elena Candia ás obras do aparcadoiro disuasorio do Ceao. O executivo municipal insiste en que a apertura dun expediente sancionador non implica que exista unha multa nin unha resolución firme.
No recurso, o goberno local argumenta que o percorrido realizado o 14 de outubro tiña como finalidade supervisar o avance dos traballos e non constituíu un acto de inauguración. Segundo sostén, non houbo discursos, actos protocolarios nin posta en funcionamento das instalacións. Tamén destaca que non quedou acreditada a convocatoria de medios de comunicación.
O Concello sinala, ademais, que o 21 de outubro xa modificara voluntariamente a nota informativa sobre a visita, eliminando as referencias aos anteriores gobernos municipais e mantendo os datos descritivos do proxecto, o seu custo e o financiamento.
A través do recurso, solicita que se revoque o acordo electoral, se anule a apertura do expediente e se deixe sen efecto a orde de retirar a publicación da web municipal.
O executivo local lamenta a controversia xerada arredor dunha actuación que permitirá crear 117 novas prazas de estacionamento no polígono do Ceao, cun investimento de 450.000 euros cofinanciado pola Xunta e fondos europeos.