A Xunta Electoral ordena retirar propaganda política da web do Concello de Lugo e abre outro expediente a Candia

A Xunta Electoral de Zona de Lugo volveu dar a razón ao Partido Socialista e considerou que o Concello vulnerou a normativa electoral ao difundir na súa web institucional unha publicación sobre a urbanización dunha marxe da rúa Virxe da Soidade, no barrio das Gándaras. A resolución, adoptada o 12 de novembro e notificada o día 13, ordena retirar os fragmentos que considera propaganda de logros e require ao Goberno local que evite novas referencias aos méritos da súa xestión en espazos institucionais ata a celebración das eleccións.
O órgano electoral entende que a nota publicada o 23 de outubro incluía unha "venda de logros" prohibida polo artigo 50.2 da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREG), que impide aos poderes públicos realizar comunicacións institucionais con referencias ás realizacións ou éxitos obtidos. Ademais, acordou incoar un novo expediente sancionador contra a alcaldesa, Elena Candia, por unha posible infracción deste precepto, en aplicación do artigo 153.1 da mesma lei.
A publicación cuestionada non se limitaba a informar da licitación das obras, senón que atribuía a actuación ás reclamacións do Partido Popular, lembraba que a formación a demandaba desde había anos e responsabilizaba o anterior Goberno de non consignar partidas orzamentarias para executala. Tamén presentaba a intervención como exemplo do denominado "Lugo dos feitos" e como mostra da capacidade do actual Executivo para desbloquear actuacións pendentes.
A resolución permite manter os datos estritamente informativos sobre a licitación, o obxecto da intervención, o orzamento de 152.554,59 euros e o prazo de presentación de ofertas, pero ordena eliminar as referencias ao PP, ás responsabilidades atribuídas ao anterior Goberno e aos méritos que se vinculaban á actual alcaldesa. O órgano electoral considera que o feito de que as obras aínda non estean executadas nin adxudicadas non xustifica o uso da comunicación institucional para difundir ese tipo de mensaxes.
Desde a Agrupación Socialista consideran que esta resolución confirma as denuncias que veñen formulando desde o inicio do período electoral. A organización sostén que Elena Candia está utilizando os medios e recursos municipais para promocionar a súa xestión e facer campaña a favor do Partido Popular. "Non é un erro puntual nin unha interpretación interesada do PSOE. É unha forma de actuar reiterada", sinalan.
Os socialistas lembran que non é a primeira vez que a Xunta Electoral intervén por este tipo de actuacións e apuntan que a propia resolución do 12 de novembro fai referencia a un acordo anterior, tamén relacionado cunha publicación na web municipal, que foi confirmado pola Xunta Electoral Provincial tras o recurso presentado pola alcaldesa.
Por este motivo, reclaman a Candia que cumpra a resolución, retire os contidos sinalados e poña fin ao uso partidista da comunicación institucional. "Un Concello non é un instrumento ao servizo dunha candidatura, nin o portal web municipal é un escaparate para que Candia faga campaña cos cartos de todos e todas as lucenses", conclúen.