A Xunta explica que xa autorizou a prospección da fauna amezada no río Miño
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda notificou a autorización para a prospección e estudo de especies de fauna ameazada na zona do río Miño na que o Concello de Lugo proxecta instalar piscinas fluviais. A solicitude foi presentada o día 17 por unha consultora medioambiental, á que se lle remitiu directamente a resolución.
Os traballos deben realizarse en coordinación co Servizo de Patrimonio Natural da Xunta e facilitar o labor de inspección dos técnicos e axentes medioambientais sobre o terreo. Neste sentido, a Delegación Territorial queda á espera de que os promotores comuniquen as datas en que se desenvolverán as actuacións.
O obxecto do informe será a prospección de distintas especies de moluscos bivalvos e de posibles zonas para o seu traslado. En concreto, deberá determinar a existencia, distribución e densidade de exemplares de Margaritifera margaritifera, que está en perigo de extinción, e doutras tres especies que figuran na categoría de vulnerables: Potomida littoralis, Unio delphinus Spengler, e Anodonta anatina.
Os traballos levaranse a cabo sen remover o substrato nin retirar os individuos.