A Xunta financia con 15.000 euros a mellora do local social de San Xoán de Tirimol

LugoXa
As axudas permitiron realizar obras de reforma e adquirir novo equipamento para a actividade veciñal na parroquia lucense
local-social-de-Tirimol-Lugo
2 Feb 2026

A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes destinou unha achega de 15.000 euros á asociación de veciños de San Xoán de Tirimol, no municipio de Lugo, para acometer distintas actuacións de mellora no seu local social e dotarse de novo equipamento.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, visitou as instalacións para coñecer de primeira man o resultado das obras executadas ao abeiro da orde anual de axudas dirixidas ás organizacións veciñais galegas.

A intervención permitiu renovar de maneira integral o espazo, coa colocación dun falso teito, a substitución do chan e a reparación e pintado dos paramentos interiores. Ademais, realizáronse traballos para mellorar a accesibilidade no aseo e ampliouse a cociña, ao tempo que se actuou nas instalacións de electricidade e fontanería para adaptalas ás necesidades actuais do local.

Xunto ás obras de reforma, a asociación adquiriu novo mobiliario, como mesas e cadeiras, así como outro equipamento necesario para o desenvolvemento das actividades lúdicas e culturais que organiza ao longo de todo o ano, reforzando así a súa función como espazo de encontro para a veciñanza.

Durante a visita, Javier Arias puxo en valor o papel que desempeñan as asociacións de veciños “fomentando a participación cidadá e a cohesión social nos barrios e parroquias da provincia, con especial incidencia nas zonas rurais”. O delegado territorial lembrou que a Xunta colabora de forma continuada con estas entidades a través dunha liña de axudas de carácter anual.

Na convocatoria correspondente a 2025, un total de 14 asociacións do municipio de Lugo resultaron beneficiarias deste programa, cun volume global de apoios que acadou os 152.200 euros.

⚙ Configurar cookies
0.079214096069336