A Xunta impulsa a recta final da autovía Nadela–A Pobra de San Xiao

LugoXa | SarriaXa
A conversión do último treito do corredor CG-2.2 permitirá rematar a conexión por autovía entre Lugo e Sarria
autovía-nadela-sarria-portada
15 Feb 2026

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, fixo pública no Diario Oficial de Galicia a convocatoria dos actos expropiatorios necesarios para avanzar na transformación en autovía do tramo Nadela–A Pobra de San Xiao. A actuación, que afecta aos concellos de Lugo, O Corgo e O Páramo, contará cun investimento total de 37,4 millóns de euros e supón o paso definitivo para culminar o desdobramento completo do corredor CG-2.2 entre a capital lucense e Sarria.

Os actos de levantamento das actas previas á ocupación celebraranse o día 24 de febreiro no salón de actos do Centro Uxío Novoneyra, na rúa Quiroga Ballesteros s/n, en Lugo, entre as 10.00 e as 12.34 horas. Continuarán os días 25 e 26 de febreiro no Centro Sociocultural do Corgo, situado na Estrada Nacional VI número 53, en horario de 10.00 a 13.20 horas na primeira xornada e de 10.00 a 11.20 horas na segunda. Ese mesmo 26 de febreiro terá lugar tamén a convocatoria na Casa do Concello do Páramo, entre as 13.00 e as 13.20 horas. A formalización das actas de ocupación desenvolverase nos mesmos emprazamentos o 21 de abril en Lugo, os días 22 e 23 de abril no Corgo e, igualmente o 23 de abril, no Páramo.

Este proxecto permitirá completar a conversión en autovía do último treito pendente do corredor Nadela–Sarria (CG-2.2). A primeira fase do desdobramento, cunha extensión de 9,7 quilómetros entre A Pobra de San Xiao e Sarria, entrou en servizo en novembro de 2022 tras un investimento de 25 millóns de euros.

O novo tramo terá unha lonxitude de 13,5 quilómetros. O seu inicio sitúase na glorieta de Nadela e o final no enlace da Pobra de San Xiao, xa operativo, o que posibilitará rematar a autovía que unirá Lugo con Sarria. A nova calzada discorrerá paralela á actual pola marxe esquerda da CG-2.2 en sentido Lugo. A orixe do trazado ubícase na glorieta de Nadela, de titularidade estatal, onde conflúen as autovías A-6 e A-54 e as estradas N-VI, LU-11 e LU-546.

Entre as actuacións máis destacadas figuran os enlaces do Corgo, no punto quilométrico 5+200, e de Maceda, no quilómetro 10+500, xa adaptados á sección de autovía, así como un paso inferior baixo a autovía A-54 no quilómetro 0+300. O proxecto contempla tamén a construción de dous viadutos paralelos aos existentes sobre os ríos Chamoso e Neira, a ampliación de 13 pasos superiores e a prolongación de 7 pasos inferiores.

Ademais, inclúense 11 obras de drenaxe transversal, a execución de dous muros de contención con noiro de desmonte no primeiro quilómetro do percorrido e os axustes necesarios para garantir a correcta conexión entre o treito xa finalizado e o novo en execución.

⚙ Configurar cookies
0.08493709564209