A Xunta licita a ampliación do Instituto Muralla Romana cun investimento de preto de 1,6 millóns de euros

A Xunta prevé solicitar este mes o proxecto de ampliación do Instituto Muralla Romana de Lugo cun orzamento próximo aos 1,6 millóns de euros. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta na provincia, Javier Arias, destacou durante a súa visita ao centro que esta intervención permitirá incrementar en case 900 metros cadrados a superficie do instituto, dando resposta ao crecemento experimentado nos últimos anos.
Para executar a ampliación será necesario derrubar unha edificación de 167 metros cadrados e levantar un novo volume de 892 metros cadrados distribuído en planta baixa, primeiro e segundo andar, que estará conectado co inmoble actual mediante un corredor en cada nive. O novo edificio contará cunha escaleira interior que comunicará os tres pisos. Na planta baixa situaranse dúas aulas ordinarias, dúas aulas de apoio, un departamento de profesorado e unha sala de comunicacións, mentres que tanto a primeira como a segunda planta dispoñerán de tres aulas e un departamento docente en cada unha.
A ampliación manterá a mesma liña arquitectónica do edificio existente, cunha fachada de dobre folla de ladrillo rematada cun sistema de illamento térmico SATE. A cuberta das aulas será a dúas augas, mentres que a conexión co edificio actual resolverase cunha cuberta plana.
Rodríguez lembrou que “a implantación nos últimos anos de novos ciclos de FP neste centro provocou un notable aumento da matrícula”, sinalando que se incorporaron case 150 estudantes máis só en ciclos e másteres de FP en dous cursos, un incremento do 16%, o que fai necesaria a creación de novas aulas.
Nesa mesma liña, explicou que, a través do Plan de nova arquitectura pedagóxica, a Xunta está ampliando as instalacións dos centros situados en áreas con maior demanda, respondendo tanto ao crecemento dalgúns municipios como ao éxito da Formación Profesional, que continúa sumando alumnado cada curso. “Só na área de Lugo contamos este ano con máis de 5.000 matriculados, preto dun 5% máis que no pasado curso académico”, indicou.