A Xunta licita por 2,1 millóns a ampliación do polígono empresarial de Palas de Rei

LugoXa
A terceira fase permitirá sumar preto de 40.000 metros cadrados de solo industrial e crear 17 novas parcelas
Polígono-Palas-de-Rei
8 Apr 2026

O Consello da Xunta aprobou a licitación das obras de urbanización da terceira fase de ampliación do polígono empresarial de Palas de Rei, cun investimento de case 2,1 millóns de euros, nunha actuación que busca dar resposta á crecente demanda de solo industrial no municipio.

O proxecto permitirá incorporar preto de 40.000 metros cadrados de novo solo empresarial, o que supón un incremento superior ao 50% respecto á capacidade actual. Ademais, habilitaranse 17 novas parcelas xunto con zonas de equipamento, áreas verdes, rede viaria, aparcadoiros e todos os servizos básicos necesarios para o seu funcionamento.

Segundo a planificación do Goberno galego, as obras poderían comezar no último trimestre de 2026, unha vez adxudicado o proxecto, co obxectivo de que as parcelas estean dispoñibles para a súa comercialización a finais de 2027.

Esta ampliación abre a porta á implantación de novos proxectos empresariais na comarca. O alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, subliñou a relevancia estratéxica da actuación, destacando que “a xeración de solo industrial é importantísima para o municipio pola gran demanda que temos por parte de empresas que queren asentarse neste concello”. O rexedor engadiu que a previsión é que a nova fase se ocupe practicamente de inmediato, “ao día seguinte de que se habiliten as parcelas”.

Taboada tamén agradeceu á Xunta de Galicia o impulso desta terceira fase, que cualificou como “vital e necesario” ante o interese crecente de empresas por instalarse na localidade. Segundo indicou, esta ampliación permitirá a chegada de nove ou dez novas empresas, cun investimento estimado de entre seis e sete millóns de euros e a creación de ducias de postos de traballo.

Co desenvolvemento desta nova fase, o polígono empresarial de Palas de Rei acadará unha superficie total de máis de 182.000 metros cadrados. Na actualidade, o parque conta con 140.000 metros cadrados, repartidos entre unha primeira fase de 95.000 e unha segunda de 45.000, aos que se sumarán máis de 42.000 metros cadrados coa nova ampliación.

0.24858093261719