A Xunta organiza un Escape Room gratuíto en Lugo para concienciar sobre os riscos do xogo

A Xunta promove este domingo, 11 de maio, un Escape Room gratuíto dirixido a mozos e mozas maiores de 14 anos co fin de que tomen conciencia sobre os riscos dos xogos de azar.
A iniciativa, que terá lugar na praza Maior de Lugo de 11.00 a 14.45 horas e de 16.15 a 21.30 horas, será de carácter interactivo instalado nunha unidade móbil que percorrerá sete cidades e localidades galegas.
O obxectivo é proporcionarlle á xente nova ferramentas para previr a ludopatía. Para iso, propóñense seis dinámicas con contidos enfocados a desbotar mitos sobre o xogo; identificar sinais de alarma; ou diferenciar entre un xogador social, un problemático e un patolóxico. Tamén se aborda como saír desta adicción, como previla e como prexudica ao afectado e ao seu entorno.
Os participantes terán que responder a preguntas de verdadeiro ou falso ou completar un crebacabezas, entre outras cuestións.
Cada quenda terá unha duración estimada de 45 minutos e poderá contar cun máximo de cinco participantes e as sesións estarán dirixidas por persoal traballador ou educador social.