A Xunta porá en marcha medidas de impulso á reactivación turística da Mariña
A Xunta de Galicia porá en marcha medidas específicas de impulso á promoción e reactivación turística da Mariña lucense para reducir o impacto que a crise sanitaria está tendo nesta comarca e xerar liquidez no seu tecido empresarial. Así o avanzou o conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, durante o encontro que mantivo co presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo, José Francisco Real, e empresarios do sector para escoitar as súas demandas e expor as propostas que a Xunta de Galicia pon á súa disposición para activar o sector.
O titular de Cultura e Turismo en funcións reiterou o “firme compromiso” do Goberno e avanzou que se traballa en varias liñas simultáneas. Algunhas xa están en marcha no marco do programa Galicia destino seguro, como o convenio coa asociación provincial que inclúe accións de formación online en materia hixiénico-sanitaria e un servizo de asesoramento. Ademais, no marco do convenio asinado con turoperadores galegos, estase traballando na posta en marcha de novas experiencias turísticas na Mariña lucense.
Para dar continuidade a este traballo, o plan da Xunta inclúe duplicar o apoio ao xeodestino para a creación de novos produtos que reforcen a súa imaxe como destino seguro. Tamén se referiu a eventos como o Resurrection Fest, sobre o que avanzou que se está traballando coa organización do festival para deseñar conxuntamente novas iniciativas a curto prazo que axuden a reactivar o sector e dinamizar o consumo. Ademais, puxo de manifesto a aposta do Goberno autonómico por levar a cabo accións culturais e turísticas que sexan quen de xerar impacto tanto dentro como fóra da comarca, con referentes patrimoniais como o Museo de Sargadelos, a Catedral de Mondoñedo ou San Martiño de Foz.
Como indicou Román Rodríguez, A Mariña contará “co apoio necesario da Xunta para superar esta situación e afondar en todo aquelo que fai da comarca un destino singular e sustentable”. Por iso, trasladou esta semana á ministra de Industria, Comercio e Turismo a necesidade de que tamén desde o Estado se poñan en marcha medidas específicas de apoio a destinos afectados por rebrotes da covid-19 como A Mariña.
Reunión coa Mancomunidade
Como explicou aos empresarios turísticos, a Xunta proporá, ademais ao Goberno de España e aos concellos da comarca que A Mariña lucense se converta no primeiro territorio galego no que se poña en marcha un Plan de Sustentabilidade Turística, unha iniciativa que o Estado quere implantar en colaboración coas administracións locais e autonómicas en destinos pioneiros xa consolidados e en territorios rurais e do interior. Neste sentido, Román Rodríguez salientou a oportunidade que isto suporá para o tecido empresarial da Mariña cunha planificación a tres anos.
O encontro mantido hoxe cos empresarios turísticos da comarca dá continuidade ás reunións celebradas nas últimas semanas para informar e asesorar aos profesionais sobre as opcións e propostas do Goberno autonómico para a súa recuperación económica. Coa intención de seguir avanzando na folla de ruta do impulso turístico da Mariña, a Xunta prevé continuar mantendo unha rolda de contactos con diferentes axentes da zona como a Mancomunidade de municipios da Mariña lucense.